O sentido dun final, de Julian Barnes

Julian Barnes

O sentido dun final  (tradución de Xesús Fraga)

Rinoceronte, Cangas, 2012, 164 páxinas, 16,90 €

 

Fascinoume a lectura deste último libro de Julian Barnes, titulado O sentido dun final, e que chega en versión galega mercé á máis que acaída tradución de Xesús Fraga en Rinoceronte Editora. O título, que xa foi galardoado en 2011 co Man Booker Prize, constitúe unha peza memorable e singular, talvez do máis salientable ao meu ver entre o que o escritor británico veu dando a coñecer nos últimos anos.

       O sentido dun final é ficción, abofé, e ninguén poderá argumentar o contrario pois se constrúe desde a memoria, todo o borrosa, inestable ou selectiva que se queira, pero memoria á fin e ao cabo, de Tony Webster, que recúa ata os tempos da mocidade, cando el e un grupo de amigos descobren un rapaz da mesma idade chamado Adrian Finn que, por diversas razóns, deixará unha pegada indeleble, especialmente na vida de Webster. Ese será o fío argumental, talvez mellor sería dicir que o pensamento  deste personaxe, polo que Barnes nos conduce pasando  dos inicialmente experimentados aos feitos evocados, cando todo se vai ollando, ou retratando,  desde a atalaia do que non poderá retornar, dalgún xeito desde ese imaxinarse a un mesmo, nun punto do futuro, volvendo a vista atrás.

        Hai, quen o dubida, unha tonalidade saudosa, melancólica e evocadora, que dilúe fronteiras xenéricas ao se alimentar de recursos propios do diario confesional –de feito o artificio da procura dun diario ocupa boa parte do final da novela- e do memorialístico, mesmo en moitas ocasións do ensaio con dúas obsesións primordiais, de poder chamalas así, como son a historia e a fiabilidade, ou non, da memoria.

       Unha das chatas que puiden coñecer que se lle atribuían á proposta era a do seu esquematismo. Disinto de tal lectura; é máis, coido que é unha das novelas contemporáneas nas que é difícil non atopar vestixios de todas aquelas cousas das que se ocupa, ou pode ocuparse, a Literatura, como ademais se recolle, coido que nada inocentemente neste libro: “amor, sexo, moral, amizade, ledicia, sufrimento, traizón, adulterio, o ben e o mal, heroes e malvados, culpa e inocencia, ambición, poder, xustiza, revolucións, guerra, pais e fillos, nais e fillas, o individuo contra a sociedade, o éxito e o fracaso, o asasinato, o suicidio, a morte, Deus”…, e de case todo isto hai nesta novela pois, malia que poida semellar dificilmente abarcable,  o certo é que, xunto coa memoria e a Historia, todo está moi ben dosificado e deseñado á perfección a través da visión dun personaxe rotundo, cheo de contradiccións, en ocasións sen escrúpulos e descrido, pouco convencional, por veces case raiando co cinismo e outras co arrepentimento máis absoluto.

        Estruturada secuencialmente, O sentido dun final esixe unha lectura continuada que non concede pausa. Está chea de preguntas que o protagonista responde en ocasións con lucidez mentres que outras moitas apela á conciencia de quen se achega ao que se escribe formulándolle, case como un desafío, que atope unha resposta, sobre todo no que atinxe á procurarlle un sentido a un final, ás propias cousas da vida, sendo ben consciente do desacougo que isto sempre pode xerar.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 26 de xaneiro de 2013, baixo o título de “Sobre literatura e vida”.