A ansia do lóstrego, de Medos Romero

 Medos Romero

A ansia do lóstrego (fotografías de Antonio López Fernández)

Follas Novas Edicións, Libros da Frouma, Compostela, 2012, 72 páxinas.

 

Sorpréndeme, só nunha pequena medida, este A ansia do lóstrego, pois resulta coherente e lóxico ir dando con voces que personalizan a súa indignación diante de excesos de hoxe, de excesos de sempre, a través da expresión poética.

       Nesta ocasión, o poemario inspíranse na contemplación, irada, do espolio e a ferida nunca cicatrizada que supón a trabada operada nas minas das Pontes en aras de intereses de carácter espúreo e exclusivamente económicos…, unha visión que, está de máis dicilo, se proxecta perfectamente noutras realidades que saquearon e saquean a terra, a terra toda,  á procura de diamantes, petróleo ou coltan.

      O poemario de Medos Romero abraza ou concéntrase, á mantenta, nos territorios dun espírito narrativo pois, na realidade, estes versos son ferramentas operativas para construír un discurso, cheo de indignación, que é unha chamada de atención sobre as gadoupadas do capitalismo co obxectivo de deixar de ollar cara a outro lado. Romero fita fronte a fronte a devastación, as “proezas” industriais; denuncia a impunidade e transmite, con transparencia, o sentimento de orfandade do primixenio e o natural, ben evidente cando os protagonistas son homes e mulleres do común, xentes humildes -“Obreiros sobre terra virxe, agora cicatriz / illó profundo, pozo, vagoada”-  a resistir as condicións de vida que veñen sempre impostas…, unha realidade que por vivida, pois afonda seica na memoria comunal e familiar, ten o saibo da verdade.

     A ansia do lóstrego, a meu ver, sitúase nunha parte substancial na liña do “Monólogo do vello traballador” ferreiriano, redimensionado con fortuna no noso tempo, no noso contexto. Poesía con vontade interviniente, exenta de calquera tipo de concesións; nela hai ferrados de coñecemento e reflexión, mesmo  esperanza  para combater a narcolepsia, para loitar contra o “exterminio das ideas” pois tamén, quen o dubida, os libros poden cambiar o mundo. As imaxes, por certo, de Antonio López resultan extraordinariamente efectivas e poderosas para un libro coma o presente: intenso e valente, agardo que feraz.

1 Comment

Os comentarios están pechados.