Académica Fina Casalderrey, doutor Agustín Fernández Paz

No curto espazo duns días cadraron no tempo dúas decisións, ao meu ver, de intensa relevancia para o noso sistema literario. Loxicamente refírome á decisión que Real Academia Galega adoptou para integrar no seu corpo de académicas a Fina Casalderrey e mais o nomeamento de Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, acto este último ao que as miñas tarefas docentes me impediron, como me gustaría, asistir.

     Os dous recoñecementos, pois así os entendo, supoñen un acto de xustiza que, talvez, vaia máis alá do ámbito no que ambos e dous levan traballado arreo desde hai moitos anos, isto é, a literatura infantil e xuvenil, pero non só. Se xa fose por esta razón os méritos serían sobrados, acaídos e lóxicos, pois a carón doutras persoas como Xabier P. Docampo ou Paco Martín, foron dos que labraron os auténticos alicerces para que se producise o despegue nun ámbito que se antolla como primordial para ampliar e afortalar a base lectora en lingua galega.

    Malia o anterior, teño para min que ambos os dous recoñecementos apuntan, alén de xéneros e categorías, a dúas razóns que entendo como fundamentais, fóra dun cento delas que se poderían engadir:  unha é o compromiso, intachable, coa lingua do seu país e coa aposta pola súa defensa e promoción; a outra é o innegable talento que leva tantos anos espellándose  nas súas achegas literarias.

      Eu síntome moi orgulloso destes éxitos, tamén porque as dúas persoas coñecen ben o mundo do ensino, que tanto nos fai aprender día a día. Por todo iso,  e  por máis razóns: parabéns académica Fina Casaldarrey, parabéns doutor Agustín Fernández Paz.