Premio 2012 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo, de VV.AA.

VV.AA.

Premio 2012 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo

Xunta de Galicia-Universidade de Vigo-Edicións Xerais, Vigo, 2012, 136 páxinas, 12 €

 

Non me resultou doado conseguir este volume que traio hoxe á bitácora e ao que chego grazas ao favor dun bo amigo.  Particularmente son dos que penso que estes libros de autoría colectiva resultan extraordinariamente relevantes tanto por posibilitar a oportunidade de dar á luz pública pezas literarias de autoras e autores que comezan a dar os seus primeiros pasos como por ser semente do que pode vir despois, tal e como ocorre coas publicacións que recollen os resultados de galardóns literarios de espírito máis ou menos semellante como os do premio Minerva ou Modesto R. Figueirido, por só citar dous casos.

     Nesta ocasión, na décimo sexta convocatoria do galardón, o volume compila as propostas literarias premiadas incorporando novas voces en diversos xéneros literarios  respecto das que cumprirá, estou certo,  estar atentos de aquí en diante.

     Velaí como na categoría de relato curto Xandra Táboas (na foto inferior xunto co profesor Quique Costas e a cantante Sés) ofrece un relato -“Navy Bar”- no que exhibe unha prosa moi concentrada, de resonancias marítimas e personaxes proletarios, case me atrevería a dicir que extraordinariamente manuelantoniano. Nesa sección Pedro Xoaquín Peón, en “Desculpe señor Darwin”, ofrece unha sorte de distopía, ao meu ver intensa e madurecida, chea de ironía, humor e mesmo espírito crítico. Por último, completa a sección dos prosistas María Lago, co “Tetraloxía do inexplicable”: un percorrido onírico que beirea o surrealismo susceptible de múltiples lecturas e interpretacións.

       O bloque centrado na poesía ábrese cun micro-poemario de Marisol Gándara: toda unha agradable sorpresa pola madurez e profundidade dun discurso poético, exposto en clave sentimental, intenso e vigoroso. Xabier Xil Xardón, coñecido por ser membro do colectivo “Poetas da hostia”,  é quen presenta dous grupos de composicións premiadas nucleadas arredor da lingua e mais do amor como eixes principais. A sección complétase  coas achegas de Alba Domínguez Blanco -unha voz heterodoxa e xustamente reivindicativa-  e mais de Anxo Aitor Toro Martínez, que amosa un conxunto de sonetos inspirados, esencialmente, nunha temática de filiación sentimental

    Para concluír, son Guillermo Rosales e Martina Canal quen resultaron galardoados na sección “Tradución” con dous fragmentos de obras  de Mark Gatiss Barnes, o primeiro, e de Chimo a segunda.

    Parabéns, pois, á organización do premio e a quen nel foi galardoado, cos meus desexos de que siga a gozar da necesaria continuidade.