Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, de Mª D. Cabrera Iglesias e Mª D. Villanueva Gesteira (éds.)

Mª D. Cabrera Iglesias e Mª D. Villanueva Gesteira (éds.)

Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia

Fundación Penzol-Editorial Galaxia-Concello de Vigo, Vigo, 2012, 136 páxinas, 20 €

 

Era de xustiza que se publicase, precisamente agora que Francisco Fernández del Riego cumpriría cen anos, un libro que volvese poñer en primeiro plano de actualidade a súa figura que, por outro lado, tanto se fai de menos. Cadrando, así pois, coa posta en marcha de diversas iniciativas culturais de todo tipo, entre as que a edición deste volume é unha delas, e mais co obxectivo posto na recuperación da memoria do que Del Riego supuxo para Galicia, é este un volume que sen dúbida dignifica a quen o idea, o realiza e a quen o patrocina pois é de lei recoñecer a quen o merece e Don Paco é un deles. Teño para min que cómpre facelo, tamén, desde as páxinas deste mesmo suplemento cultural no que colaborou ao longo de tantos anos e tan intensamente, deixando aquí pezas xornalísticas que hoxe son, para moitos aspectos do coñecemento do noso pasado literario e cultural, de consulta obrigada.

         O volume, coido que acertadamente coordinado por Mª  Dolores  Cabrera Iglesias e Mª D. Villanueva Gesteira, posibilita que o lector entre con garantías no universo persoal de Del Riego. Deste xeito, alén das presentacións de carácter institucional a cargo de Alfonso Zulueta de Haz e Abel Caballero, que representan as entidades patrocinadoras do libro –Fundación Penzol e Concello de Vigo que, xunto coa Editorial Galaxia fan posible a edición deste volume- son tres os bloques que articulan esta entrega: o primeiro amosa unha completa cronobiografía do autor, que incorpora numeroso material documental e fotográfico e que se inicia cunha cita do propio Del Riego que, ao meu ver, sintetiza o ronsel no que esta iniciativa repousa: “Toda a miña vida lla adiquei a Galicia. Unha vez que me reencontrei e tiven sentido do que é o noso país, do que é a súa cultura, do que é a súa lingua, fixen profesión de fe, de actividade, de traballo ao servizo dese ideal”.

         A continuación, a sección “Volver sobre o camiño andado”, amosa un feixe de evocacións individuais que reparan nos aspectos máis variados que Del Riego deixou na memoria de quen escriben, analizándose así aspectos vinculados coas  dimensións máis estritamente persoais, de mans dadas coas que teñen que ver co seu labor na Fundación Penzol, na revista “Grial”, no ámbito político, os recoñecementos que obtivo en vida –malia sempre fuxir deles-, o labor docente que exerceu, no xornalismo ou nas amizades que cultivou, entre outros asuntos.

         Finalmente,  “Vigo nos textos Del Riego” espella, a través de diversos textos, maioritariamente de carácter xornalístico ou memorialístico, que viron a luz en moi diferentes soportes e épocas, a visión que o polígrafo expresou por escrito arredor da cidade que o acolleu desde o ano 1939 até a súa morte, todos eles dominados por unha inequívoca vontade de estilo, os máis deles, ao meu ver, extraordinariamente emotivos.

         Parabéns pola edición deste libro, desde agora insusbtituíble para saber máis, e con
garantías, sobre Fernández del Riego.

Esta recensión publicouse o día 2 de febreiro de 2013 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Homenaxe a don Paco”.