Os manuscritos do Mar Morto

Ao fío dun anterior apuntamento no que me detiña nas reviravoltas que se viviron para a conservación dos chamados manuscritos de Tombuctú lembrei estoutros que agora me ocupan, os denominados “do mar Morto”, que sufriron unha historia ben curiosa e que hoxe temos á distancia dun clic.

       Un bo número destes manuscritos, ao que parece descubertos nunha gruta de Qumran por un pastor no ano 1947, permaneceron custodiados no Museo de Israel. Desde que se atoparon só un pequeno número de investigadores tivo acceso a eles, malia   que atesouran fragmentos dos máis antigos pergameos bíblicos do Antigo Testamento, entre outros documentos valiosos.  Para impulsar o seu coñecemento optouse, hai apenas uns meses,  por dispoñibilizalos na rede,  con técnicas que permiten unha visualización realmente extraordinaria. Cinco deles pódense consultar premendo aquí  (o vídeo explica os contidos da web que os incorpora).