Pasou Fran Alonso por un dos clubs de lectura “Lendo no Galiñeiro”, concretamente o destinado ao profesorado, persoal non docente e pais e nais do alumnado do IES Valadares de Vigo.
O motivo foi, loxicamente, a lectura realizada previamente de Ninguén, un libro que, como era de agardar, deu moito de si no faladoiro que seguiu á intervención do autor, centrada en situar este “artefacto” literario dificilmente encadrable en xénero ningún na súa propia produción, salientando algúns dos vectores que o conformaron, tanto en relación con esa “arañeira” que constitúe a totalidade do seu percorrido literario até hoxe coma no que ten que ver coa singularidade que o caracteriza: unha obra concibida para dialogar con algúns aspectos no noso presente, onde a incomunicación, a soidade ou as redes sociais, con algunhas das súas indesexadas ou imprevisibles consecuencias, cobran cada vez máis importancia no noso día a día. As máis sinceras grazas desde o club de lectura.