Manuscrito: Olalla Cociña

Achégase hoxe a esta sección a poeta Olalla Cociña, dona dunha voz propia con singulares acentos como amosan As cervicais da memoria (Fervenza, premio de poesía ‘Avelina Valladares’ 2004), aquí (intemperies) (colección “Poeta en Compostela” Grupo Correo, Concello de Santiago, AELG, 2006) e Libro de Alicia (Espiral Maior, premio de poesía Fiz Vergara Vilariño 2008).

    Olalla Cociña confésase “bastante antiga” no que se refire a gustos estéticos e revélase  como un   tanto fetichista no que se refire a cadernos, caligrafías ou papeis”. Os seus hábitos de creación  contémplaos como sinxelos: “recollo as ideas en cuadernos que sexan manexables, que non sexan moi grandes nin moi requintados. Ás veces gústame escribir a lapis, outras cunha pluma, outras cun boli bic. Todos os meus ´borradores` están en cadernos, despois os poemas collen forma no ordenador (aínda que algunhas veces volven ao papel e cambian de novo)”.

    As imaxes que aquí se reproducen pertencen  a un caderniño da autora ao que lle ten  grande aprecio e do que valora a súa orixinalidade ao carecer de liñas e estruturarse cunha “trama que recorda a unha colmea ou ao arame dun curral”. Agasállanos aquí tres poemas inéditos, polo que lle deixo constancia da miña gratitude.