La niña de rojo / A menina de vermelho, de Roberto Innocenti e Aaron Frisch

Roberto Innocenti / Aaron Frisch

La niña de rojo / A menina de vermelho (traducións de Carlos Heras e Gabriela Rocha)

Kalandraka Ediciones Andalucía / Livros para sonhar, 2013, 40 páxinas, 20 €

 

Hai libros que supoñen unha fortuna, refírome ao feito de chegar a eles,  poder lelos, gozalos, emprestalos, mesmo suxerir que persoas próximas ou afastadas os lean. Este é o caso que me ocupa, non o dubido, ao me referir á tradución dun libro de Innocenti e Frisch que, baixo o título The Girl in Red (2012), me chegou por partida dobre: en versión castelá, a cargo de Chema Heras, e portuguesa, que subscribe a tradutora Gabriela Rocha.

       Ilustrado e ideado, en canto ao fío argumental polo gran Roberto Innocenti, respecto de quen xa manifestei hai tempo a miña devoción máis absoluta por un traballo que non deixa de seducirme, e escrito por Aaron Frisch, este libro ilustrado editado en gran formato, aposta por actualizar e, se se quere  pór ao día, o relato tradicional da Carapuchiña vermella. Esta reescritura, visual e narrativa, non é de seu algo novo, abofé, mais si resulta orixinal facelo cunha visión que, ademais, beirea o xénero do cómic no que encaixa tan acaidamente o espírito artístico do ilustrador italiano; un cómic, iso si, moi particular pois se somete a unha intervención narrativa marcada polo esencialismo e pola brevidade, emprazada discretamente a pé de páxina para potenciar o deseño visual de cada unha das imaxes.

       Innocenti, así pois,  con esa técnica virtuosista e que atende ao pormenor como poucos artistas contemporáneos, introdúcenos nunha viaxe da Carapuchiña-Sofía, non exenta de riscos e perigos, sen prescindir, claro é, de protagonistas que subverte ou despraza do seu espazo lendario para colocalos na actualidade -velaí o lobo feroz a devorar quilómetros nunha moto, por exemplo-, e faino nun contexto no que o bosque se transforma nunha gran cidade, marcada pola deshumanización e mesmo pola presenza abouxadora do consumismo, elementos estes, coma outros, nos que é difícil rastrexar unha lectura crítica e en moitas ocasións demoledora. A sorpresa final, con dúas conclusións a elixir, é outra dos achados que atesoura este volume e que nos fai pensar en que nun conto, como na vida, non todo é como parece ou como pode parecer.