Lugrís Freire, a 150 anos do seu nacemento

Hoxe cúmprense 150 anos do nacemento de Manuel Lugrís Freire. É ben certo que nun ano de moitas conmemoracións, nucleadas con xustiza pola lembranza do 150 aniversario da publicación dos Cantares gallegos rosalianos, polo centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego e mais pola acaída dedicatoria do Día das Letras a Roberto Vidal Bolaño, entre outras referencias, o que debería ser unha celebración gozosa pasa no seu día máis relevante case ignorada polo país adiante.

     Só coñezo, ao respecto,  a través do meu amigo e investigador Paco Pita, dunha iniciativa que se desenvolverá en Sada, apoiada pola activa A. C. Irmáns Suárez Picallo (que irá asemade dando conta das actividades previstas desde o blog da asociación), como a que se celebrará o vindeiro día 14,  ás 20:00 horas, na capela sadense de San Roque, logo de que o Concello, a instancias do grupo municipal do BNG, aprobase por unanimidade declarar o Ano Cultural Lugrís Freire en Sada.

          Lugrís, autor dun perfil suxestivo -prolífico xornalista, narrador e poeta, abandeirado do movemento nacionalista e defensor sempre da propia identidade e do noso idioma- ben merece que se repare con xustiza outra vez na súa figura. Particularmente, grazas a que Edicións Xerais me solicitou un par de traballos divulgativos aló polo 2006 puiden esculcar na súa biografía e interpretar a súa obra literaria, algo que fixen con agrado e que me posibilitou aprender moito e internarme nun período fascinante da nosa historia e das nosas letras. Desde aquí vaia o meu garimoso recordo a Asieumedre.