Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro
Toxosoutos, Noia, 2013, 84 páxinas, 12 €
Tras a publicación dunha achega madrugadora da man de Camilo Franco en Biblos accedo agora a un ensaio de carácter divulgativo da profesora Laura Tato baixo o título de Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, editado por Toxosoutos na súa colección Esmorga-Ensaio.
Agradoume e, nomeadamente, documentoume a súa lectura, que foi, talvez, o obxectivo último deste ensaio. Ben acompañado, por certo, dun limiar que subscribe Manuel Quintáns Suárez quen, entre outras cuestións, nuclea as súas liñas iniciais por volta desa ecuación posible entre Vidal Bolaño e teatro nacional galego ou Vidal Bolaño e teatro popular galego.
A profesora Tato Fontaíña, así pois, estrutura a súa achega en catro bloques. No primeiro articula unha sorte de breve historia do teatro galego desde a segunda metade do século XX até os tempos do Instituto das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), extraordinariamente documentado, como trazo que ben se pode aplicar ao resto do ensaio, e no que se asoman con pertinencia, ao meu ver, aos principais feitos que rodearon o teatro galego deste tempo no que Vidal Bolaño participou activamente ou se mantivo, á mantenta, afastado.
A continuación, os tres seguintes capítulos céntranse tanto no percorrido de Vidal Bolaño no Grupo Antroido e mais na Compañía Teatro do Aquí, como nunha cumprida análise da súa obra dramática -pasando polo Grupo Abrente, artellando unha clasificación da súa obra alén dunha revisión polos trazos máis relevantes que posúe a súa achega dramatúrxica- para concluír cunha útil relación das pezas dramáticas publicadas de Vidal Bolaño e outras adaptadas ou escritas a partir de textos doutros autores.
Teño para min que esta publicación cumpre á perfección uns obxectivos divulgativos arredor da figura e mais da obra de Vidal Bolaño, dialoga con pertinencia con outras achegas e interpreta con rigor feitos históricos, actitudes e, sobre todo, afonda con xustiza nos valores literarios do dramaturgo compostelán. A autora conclúe que a produción de Vidal Bolaño “está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política”…, todo isto fica ben claro ao longo destas páxinas.
PD. Non esquezo a caricatura de Roberto Vidal Bolaño presente na cuberta do volume e da que se responsabiliza con acerto Héitor Picallo “O Karrapucho”, que a realizou con augatinta, teas de tapizar, madeira e papel de xornal: sen dúbida unha nova icona de Vidal Bolaño para este ano que andamos.