Manuscrito: Dores Tembrás

Particularmente descubrín a Dores Tembrás  a través da lectura do seu O pouso do fume, un libro que me fascinou no seu día. Tempo despois tivemos ocasión de intercambiar puntos de vista nalgún xurado literario lamentablemente desaparecido. A súa última entrega, acaroada ao xénero infantil baixo o título d´O peizoque Roque resulta, dalgún xeito, a extensión adaptada dunha estética  aferrollada sempre á memoria e á defensa de todas as dimensións posibles da palabra.

    Tembrás colecciona cadernos que vai adquirindo nas viaxes que realiza e neles traballa  as máis das veces  en papel cuadriculado e con lapis ou estilográfica, iso si, sempre diante dunha fiestra, en silencio e preto das chamadas  word cards, que abaixo reproduzo tamén por xentileza da autora: unha sorte de tacos de papeis, de orixe xaponesa, perforados e unidos por un anelamento, e que se empregan como sistema para anotar e aprender novas palabras en xaponés. Tembrás úsao “para as palabras coas que me vou atopando e que merecen un estudo, unha achega detida, que caeron en desuso ou que requiren un poema”Ademais a autora traballa no poema “de forma obsesiva, o caderno fica aberto pola páxina do texto que me ocupa durante semanas ou o tempo que me leve dalo por  rematado. Podo lelo en alto ducias de veces no día”.

    Comparte nesta bitácora unha páxina do caderno no que se xestou O pouso do fume, escolleita “por fermosa, por recoller a última versión dun poema fundamental para min; un manifesto, a miña poética. O poema do redondel en vermello, cor que non emprego case nunca, define o eu poético do libro con bastante precisión”. Cuestionada con posterioridade arredor dalgúns aspectos do poema que decidiu achegar revela, xenerosamente, aspectos que teñen que ver coa súa cerna creativa e que reproduzo a continuación.

      Os redondeis que poboan as cuadrículas “son  réplicas, ecos daqueles outros, os da infancia, os primeiros, a caligrafía imperfecta (…) unha obsesión que me acompaña sempre”. Nos cadernos, en xeral, agroman a miúdo “moitas  veces escritas as cinco vogais, con caligrafía infantil, dentro das  cuadrículas; fágoo mentres penso as palabras, mentres penso en como rematar un verso. E ás veces non podo parar. É como recuperar a man da pequena que se concentraba na escrita parvularia”.  E conclúe: “o resto de palabras que aparecen forman o que eu chamo a entreluz dun  posíbel poema. Delas poden ou non, nacer outros textos. (…)  Das catro liñas a tinta azul, tres convertéronse en poemas, o das  cereixas, o da xenealoxía de esfolladoras e o dos espazos en branco zurcidos pola memoria. O pouso é un poemario tremendamente unitario, tódolos poemas tenden fíos entre si.  As liñas a lapis amosan breves apuntamentos sobre a última liña escrita  a tinta azul. Direccións. Puntos de fuga que se trasladan ou se extravían en dirección ao poema da memoria”.

    Grazas Dores, por transmitir as dinámicas do teu proceso creativo espelladas neste gran poema.


3 Comments

  1. Benzón polo achegamento ao proceso creativo desta muller, que parece quen de vivir o poema como parte do propio corpo.
    Lamento a miña ignorancia por non a coñecer ata hoxe, e quedo coa ansia de afondar un pouco máis, polo que contas e pola afección compartida por Brodski.
    Unha aperta

Os comentarios están pechados.