Niños, de Pepe Márquez e Natalia Colombo

Pepe Márquez (texto) e Natalia Colombo (ilustracións)

Niños (tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 2013, 40 páxinas, 12 €

 

Lembro con agrado a lectura de Cerca, unha magnífica e sinxela fábula arredor da incomunicación coa que a porteña Natalia Colombo conseguira o I Premio Internacional Compostela, convocado por Kalandraka e mais o Concello de Santiago de Compostela.

    Publícase agora Niños, en versión galega a cargo de Manuela Rodríguez, e na que Colombo se responsabiliza dunha lectura visual absolutamente engaiolante onde, alén do impacto que transmite o emprego de cores intensas, salienta a vontade  imaxinativa e divertida que a goberna: os deseños orixinais dos paxaros, dos niños e mais dos espazos nos que estes repousan, peneirados por un filtro moi persoal, son quen de converter aquilo talvez extravagante en posible e doadamente recoñecible, incorporando en conxunto os elementos precisos para afondar nas ideas da diversidade e da diferenza que, ao meu ver, enchoupan este álbum.

    Pola súa parte, Pepe Márquez, responsable do texto, móvese tamén axeitadamente polos eidos da sinxeleza e da amentada imaxinación, de mans dadas co criterio da economía expresiva, combinando un discurso rotundo non exento dun espírito lúdico e mesmo por veces humorístico.

    Niños é un libro tan cheo de imaxinación e talento que fai pensar naquel verso cunqueiriano que falaba de niños novos e do vento; mais neste caso para goce dos máis pequenos e pequenas, pero non só.