O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga

Beatriz Fraga

O Rei Portador e outras historias

Euseino?, colección Rúa do Lagarto, Vigo, 2012, 74 páxinas,  7 €

 

Nestes tempos menesterosos para unha gran maioría e que fulminan tantos avances conseguidos ao longo do tempo, tamén no que ten que ver co mundo editorial galego cada día máis desasistido dunha política de promoción  e da discriminación positiva que a propia administración debería impulsar, que saia á luz un proxecto como Euseino? é, sen dúbida, unha excelente noticia, polo que ten de afouto e de arriscado. Aínda que fose só por esta razón entendo como unha obriga apoiar iniciativas deste tipo.

        Éo, para min, aínda máis porque a estrea deste selo editorial vén da man de Beatriz Fraga con O Rei Portador e outras historias, autora de  quen coñecía afortunadas entregas nos eidos da tradución e da literatura infantil e que agora ofrece unha proposta que me atrevería a cualificar como infrecuente -malia certas semellanzas, ao meu ver, coa narrativa de longo alento de Begoña Caamaño- no panorama da prosa galega contemporánea pois opta por tripar camiños como son a recreación de motivos que beben da fonte do imaxinario literario mitolóxico ou lendario que, en boa medida, supuxo o comezo de tanta literatura.

         Beatriz Fraga, con todo, non se limita a ofrecer un exercicio ecoico do xa coñecido, escollendo algúns elementos da mitoloxía clásica, fundamentalmente grega e romana, senón que recrea historias con fluidez e coidado estilo nas cales, case de xeito imperceptible, o vector didáctico non se sitúa alleo, malia que a presenza da (re)construción dos motivos clásicos se inspire na idea de proxectalos, en todas as súas dimensións, no presente.

       Velaí como quen se achegue a este texto poderá internarse por historias que latexan talvez nun recuncho poeirento da memoria, pero ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade: a do rei mauritano Atlas e a súa maciñeira máxica, a dunha marabillosa torre que explica a existencia de homes e mulleres que cobren o seu rostro con turbantes de cor azul, as lendas do Cabalo de Troia e do Coloso de Roda ou a do fermoso e intenso relato titulado “Berenice”, centrado na raíña libia de cabelos dourados.

    Parabéns, sen dúbida, por este primeiro paso da editorial Euseino?, tamén á autora e á súa proposta narrativa: que veñan moitas máis.