Hora zulú, de Santiago Lopo

Santiago Lopo

Hora zulú

Galaxia, Vigo, 2012, 232 páxinas, 18,50 €

 

Resulta inequivocamente rechamante a expresión que o narrador Santiago Lopo (Vigo, 1974) adoptou para situar no frontispicio desta novela, coa que resultou galardoado co Premio García Barros na súa última convocatoria. Axuda a entender en boa parte o espírito e mais  a orientación pola que se deixa ir a súa proposta se un repara en que a expresión empregada no título se refire a un estándar temporal empregado en usos militares e de navegación. Hora zulú, así pois, sitúase nunha dimensión ao meu ver distante en moitos aspectos das súas anteriores Game over (2007) e Peaxes  (2009) formulando unha reflexión sobre a propia existencia do tempo desde a perspectiva da súa simultaneidade, achegándose asemade á constatación do seu transcorrer ou, se cadra, do seu non-transcorrer.

          A temática que, sen dúbida, posúe raigames de arrecendo clásico e que ocupou a inspiración de abondosos autores como Ray Bradbury ou H.G. Wells entre outros, Lopo revístea cunha estrutura anovadora e orixinal, articulándoa  a partir da sorprendente aparición dunha persoa nunha praia, de quen se descoñece a súa identidade, e o posterior exercicio de descuberta de quen é realmente esa persoa. Este é o punto de partida desde o que se crea unha intriga poderosa e intensa na que se vai integrando, coma se dun mecanismo moi efectivo e engraxado se tratase, un conxunto moi heteroxéneo de textos de diversa filiación conformado por correos electrónicos, reprodución de entrevistas, fragmentos poéticos ou informes psiquiátricos, sen esquecer un total de cinco relatos de carácter máis canónico e absolutamente claves no discorrer da novela. Toda esta variada tipoloxía textual permite adentrarse, así pois, malia a súa fragmentariadade ou talvez por esa mesma razón, con viveza e heteroxeneidade, en espazos igualmente diversos onde cobran capital relevancia tanto a pegada de asuntos que recrean motivos como o ecoloxismo –concretamente o activismo ecoloxista como se referencia no denominado movemento en defensa da Terra “Fumifugium”- como a reflexión sobre a vida cotiá nun centro psiquiátrico, ambos os dous temas alicerces esenciais deste edificio narrativo, sen esquecer que, ademais, se deixa translucir un certo veo de corte humorístico como contrapunto á seriedade das formulacións iniciais das que parte a novela.

         Lopo consegue con esta novela interesar a calquera que se achegue as súas páxinas pois é quen de crear unha atmosfera enigmática que, malia a pluralidade de discursos e a presenza de diferentes voces, exhibe unha estratexia compositiva fluída na que todo parece tornarse extraordinariamente simple mercé ao bo facer de quen a ideou. Sen dúbida, Hora zulú resulta unha achega moi relevante entre a narrativa galega última, perfila un lectorado activo e interviniente nunha proposta igualmente activa e sedutora.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 16 de febreiro de 2012, baixo o título de “O tempo que existe e que pasa”.