Dez anos sen Francisco Taxes e un texto de Vidal Bolaño

Este ano que andamos falarase con xustiza e acerto, e xa se fala, de Roberto Vidal Bolaño. Mais ao fío do mundo do teatro galego non quería deixar pasar o día sen facer unha lembranza a Francisco Taxes pois xustamente hoxe van dez anos do seu enterramento na súa aldea paterna de Cereixo (Vimianzo).

     Neste sentido, Xurxo Taxes, a quen conto entre os meus amigos desde que  dispuxo con extraordinario rigor e agarimo, en 2008 e na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia, a edición do volume  Obra dramática, onde recolleu e estudou ao completo a totalidade das pezas teatrais que o seu pai publicara, propúxolle á Real Academia Galega a publicación na súa web dun fermoso texto de  Vidal Bolaño co que decidiu abrir a introdución daquel título da BLG e no que, entre outras reflexións que non teñen perda, Vidal Bolaño dicía do seu amigo: “A súa personalidade e a súa biografía teñen os perfís xustos para ser habitadas polo mito. Noutras latitudes, o seu sería o perfil que lle inventarían a outro para ver de lle dar apresto de maldito” (deixo aquí a ligazón onde se pode ler o texto integramente).
Ben está lembrar a achega dramática de Francisco Taxes sempre, pero máis neste preciso día e neste preciso ano.