V Congreso Manuel Luís Acuña (Pobra de Trives, 1 e 2 de marzo)

Programado inicialmente para o mes de outubro, o 1 e 2 de marzo como datas definitivas vai celebrarse o V Congreso Manuel Luís Acuña en Trives,  lugar de onde era orixinario aquel Raimbaud nórdico en palabras de Carlos Gurméndez. Van quince anos xa desde o primeiro congreso no que foron citas que, sen dúbida, revitalizaron a importancia do poeta e nas que se iluminaron moitas facetas tanto de Acuña como do tempo que lle tocou vivir. Nesta ocasión, organízase pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense da Universidade de Vigo,  polo Concello da Pobra de Trives e por Nova Escola Galega, en cuxa web poden matricularse as persoas interesadas e onde se recolle o completísimo programa do Congreso.

      O coordinador do Congreso, Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicou hai poucas datas un artigo vinculado con Acuña, o congreso e a educación en Sermos Galiza que recomendo vivamente.