Cancioneiro (seguido das Rimas dispersas), de Petrarca (tradución de Darío X. Cabana)

Petrarca

Cancioneiro (seguido das Rimas dispersas) (tradución de Darío X. Cabana)

Edicións da Curuxa, Romeán (Lugo), 667 páxinas, 40 €

Hai libros que resultan fundamentais nun determinado momento pois cumpren, sen que ese sexa talvez o seu obxectivo primario, unha función relevante porque cobren lagoas, porque se revelan como un modelo que hai que imitar ou porque abren novos camiños. Isto foi, ao meu xuízo, o que ocorreu por volta do ano 1989 cando Darío Xohán Cabana deu a coñecer, nunha edición que non resultaba de doado acceso, a tradución dun clásico que resultaba naquela altura precisa no noso ámbito lingüístico como foi o Cancioneiro de Petrarca. O tradutor, pasados os anos, xulgaba aquela entrega como un “parruliño feo e espenuxado” e acometeu un novo traballo, un novo exercicio tradutolóxico, que se ofrece igualmente en versión bilingüe e que se idea baixo o espírito de inspirarse no respecto da métrica e mais da rima orixinais algo que, francamente, non está ao alcance de moitas persoas e moito menos se ao final se deriva un espléndido resultado como o que aquí se recolle.

     Por todo isto é unha satisfacción, case diría que unha regalía, saudar este Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, prologado con rigor, abondosa e intelixentemente anotado
e editado con mimo e elegancia polo selo Edicións da Curuxa, que xa puxera en circulación, hai un par de anos, outro libro clave –Os trobadores da Occitania, en tradución do propio Cabana- que iluminaba, entre outros valores, parte do noso tesouro da literatura medieval galego-portuguesa e que sospeito pasou inxustamente desapercibido.

      Engadir algo novo, ou medianamente orixinal, respecto do legado de Petrarca que se contén neste libro é un labor baldío e talvez atrevido pois son xa ríos de tinta os que se verteron arredor da relevancia deste libro no seu momento ata hoxe. Particularmente opto por reproducir as palabras do seu tradutor e especialista, moito máis acertadas das que un podería compor: o Cancioneiro sería “unha obra de arte exquisita, unha poderosa cordal de altas montañas líricas, un enorme diamante de infinitas facetas sabiamente talladas”, no que se poden ver “as paixóns dun home gravemente atormentado por contrarios desexos e vontades, entre as cales a anguria do amor escintila dunha maneira tan cálida que nos estarrece a alma”.

        Persoalmente moito me disgustaría que este traballo ficase no esquezo ou na poeira que se abate sobre os libros que ninguén le. Ben merece outra sorte, abofé, pois quen aquí decida asomarse atopará un envexable traballo de ourive aplicado a un dos clásicos da literatura de todos os tempos: Cabana soubo ver como a poesía de Petrarca “non son só palabras, senón tamén ritmo, son e ar”. Desa lectura xorde esta magnífica e solvente tradución, imprescindible porque nela se condensa a orixe da poesía europea moderna.

 

Esta recensión publicouse baixo o título de “Petrarca en gozoso galego”, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 23 de febreiro de 2013.