A vaca caníbal, de Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre

A vaca caníbal (ilustracións de Enjamio)

Galaxia, col. Árbore, Vigo,116 páxinas, 10,50 €

 

Gustoume esta última entrega de Marilar Aleixandre polo que ten que imaxinativa, fresca e mesmo por ese arrecendo a rebeldía e heterodoxia que a goberna. Orientada, a priori, cara a un lectorado de doce anos en diante A vaca caníbal articúlase como unha sorte de fábula contemporánea protagonizada por Brensa, unha vaca moi nosa, e por unha rapaza chamada Marta a quen acode para que lle dea forma escrita a unha serie de relatos cheos de orixinalidade e enxeño dispostos baixo o epígrafe de “Vacas exemplares”, onde se recrean motivos que van desde os apreixados na fraseoloxía popular, como “outra vaca no millo”, ata outros como os da vaca sagrada, a denominada “vaca de Fisterra”, a das vacinas ou a vaca Mo de Bernardo Atxaga, sempre dotados dunha resolución contundente  que abraza unha lectura ocorrente e en moitas ocasións humorística.

     Alén destes relatos Brensa vai relatando,  en virtude de considerar as da súa raza como os animais totémicos máis importantes, vivencias que van desde que é xovenca ata que un imaxina que está nas portas, ou case, do matadoiro. Esta Brensa configúrase, e talvez aí estea o seu engado, como unha personaxe que se resiste a aceptar o imposto -de aí se deriva o curioso título-, enxeñosa e dona dun espírito rebelde, abeirándose sempre aos reinos da imaxinación e a fantasía para exhibir filias e fobias sen deixar de emitir, ao tempo, numerosas chiscadelas críticas.

    O libro engádese, con dignidade e bo facer, a ese ronsel das vacas de Rivas, de Xurxo Lobato ou á saudosa Marela Tarabela de Neira Vilas. Convido a abrirlle as portas a esta Brensa, isto é, ler o que ela conta pois ben o merece.