Benvida "A sega": primeira plataforma de crítica literaria feminista

Botou a andar no día de hoxe desde a cidade de Vigo A sega, unha plataforma de crítica literaria na rede ideada baixo unha inequívoca  orientación feminista. Gústame o seu áxil e coidado deseño como tamén  as acaídas denominacións das diversas seccións que a integran, entre as xa se poden coñecer  interesantes colaboracións a cargo de Susana Sánchez Aríns, Beatriz Súarez Briones e María Reimóndez quen, xunto a Marga Romero, Andrea Nunes Brións e Lara Rozados  están, en diversa medida, detrás deste proxecto.

      Reproduzo a seguir un fragmento inicial do seu manifesto fundacional desexándolle moita sorte á iniciativa xunto coa miña benvida particular pois entendo “A sega” como unha plataforma  necesaria na rede que contribuirá a visibilizar lecturas desde outros puntos de vista diferentes dos que adoito podemos atopar na rede. Para isto traballaron e traballan xa segadoras que, estou certo, vivificarán o panorama da crítica en Galicia e en galego. Moitos parabéns!

Co sombreiro ancho e un foucín na man, estamos dispostas. É tempo xa de sega, de apañar o que outras sementaron, facer as gavelas, debullar o gran e facer algo útil da palla. É hora de que o oficio adquirido cos sólidos vimbios do estudo e da análise crítica saia a que lle dea o sol na cara.

        A sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade.
        Na sega as nosas voces individuais póñense ao servizo do colectivo nun cantar da sega que se caracteriza polo exercicio reflexivo e responsable dunha lectura que poida orientar á comunidade que le. Amosaremos de forma clara os calos das nosas mans, a bagaxe compartida do coñecemento feminista e subalterno para abrir un espazo onde a autoridade se derive do coñecemento e onde a crítica se entenda como un exercicio responsable de intervención no espazo público, de visibilización da escrita e de pertenza gozosa á comunidade lectora galega.

2 Comments

  1. Para min, unha das cousas boas que ten a crise que padecemos, coa deterioración da imaxe totémica secular, está na aparición das potentísimas voces caladas que medraron na sociedade. Desde logo, que a muller teña a voz da muller, paréceme un logro, e deséxolles ás ceifeiras que o logren.
    Apertas

Os comentarios están pechados.