O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas

Ramón Caride

O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (ilustracións de Jaime Asensi)

Xerais, col. Sopa de Libros, Vigo, 2013, 96 páxinas, 9 €

 

Achegueime esta fin de semana, e de certo que a lectura foi moi grata e serviume para descansar doutras tarefas nas que ando encerellado, a este último libro de Caride Ogando, ao meu xuízo ilustrado con acerto por Jaime Asensi, quen por certo vén de publicar as ilustracións dunha magnífica versión de El fugitivo de Ramón J. Sénder, cun guión a cargo de  Hans Leuenberguer e publicado na editorial malagueña LeoEdita.

      Este libro de Caride Ogando volve demostrar que o autor de Cea sabe manexarse con habelencia para construír unha historia con engado para o público pre-adolescente e non só.  A aparente simplicidade temática, nucleada en función dun argumento que procura a resolución dun misterio, non é quen de agochar un conxunto de intencións plasmadas con efectividade e interese nesta proposta. Unha delas derívase de suturar con solvencia un grupo de protagonistas entre os que se perfila un respectuoso dereito á diferenza; ao seu carón tamén salienta a escolla de cidade de Ourense como espazo físico, case con carácter tamén protagónico, con especial atención á realidade do termalismo e as súas posibilidades ecolóxicas e de lecer. É aí onde se desenvolve unha intriga na que os valores de tolerancia, integridade, solidariedade e mesmo sustentabilidade medioambiental son expostos con teimosía, de mans dadas cun espírito aventureiro, con todos os ingredientes tradicionais deste xénero.

    Por se fose pouco o deseño dos personaxes protagonistas -Sabela, Raia, Lois e Martiño- inspirouse no traballo creativo de persoas con discapacidade vinculadas coa Asociación ASPANAS Termal de Ourense. Por razóns literarias e extra-literarias velaquí un libro moi recomendable.

2 Comments

  1. Moitas grazas -ou gracias, e aínda graças- tocaio Moncho. É un libro especial para min, polas razóns que tan ben detallas… Moncho Caride

Os comentarios están pechados.