Esplendor arcano, de Ramiro Torres

 Ramiro Torres

Esplendor arcano

Edición do autor-Grupo Surrealista Galego, A Coruña, 2012,  72 páxinas, 8 €

 

Un bo número de novidades literarias que  están a circular con profusión nos últimos tempos, e que ademais gozan dun enorme eco nas redes sociais, proveñen quer de edicións de autor quer de editoriais que poderiamos denominar independentes. Neste caso, Ramiro Torres, que xa publicara algúns poemas en revistas e outros soportes, ofrece arestora o seu primeiro libro en edición do autor e, como se sinala nos créditos do libros, “na fraternidade do Grupo Surrealista Galego“.

    Sexa como for, Esplendor arcano supón a primeira achega en forma de libro de Ramiro Torres, inequivocamente sorprendente por madura e intensa, epilogada por Pedro Casteleiro e con deseño de portada a cargo de Alba Torres Ferreiro. Desde o seu título está implícita ou atesóurase, ao meu ver, esa dicotomía presente en todo o poemario: unha luzada, un relampo luminoso de mans dadas co que, en aparencia, é difícil de enxergar ou comprender, co que talvez todo se ignora, isto é, un camiño de luz que serve de guía para nos conducir polos terreos do bretemoso e do escuro.

    Velaquí, así pois, a proposta contida nos poemas deste libro: unha invitación para coñecer o misterio, ou para tentar desvelar algunhas das súas claves, a través dun diálogo suxestivo e intenso con outras voces que quixeron ou lles foi permitido antes percorrer ese camiño. E o poeta, nesta ocasión, repara en esencia na forza motriz do amor ou de Eros  –<<aprendemos a  / alquimia feroz / da desnudez / iluminada>>–, na incadescencia e na paixón para poder entender o universo e quen somos: a orixe e mais o final…, algo ao que é quen de articular, coma se fose deseñando unha polifonía construída con imaxes, vivencias e emocións, outorgándolle precisamente á propia palabra e á lingua un papel protagónico.

     Convido a achegarse a este libro de Ramiro Torres pois a lectora, o lector, atopará unha poesía infrecuente, totalizadora, misteriosa e refulxente. Fala da vida e do enigmático, e para iso arreponse contra o inefable sendo  quen de convertelo  en emoción e palabras.

3 Comments

Os comentarios están pechados.