Rosa Caramelo (ilustracións de Nella Bosnia, tradución de G. Tolentino)
Kalandraka, Pontevedra, 2012, 40 páxinas, 15 €
Poderíanse facer moitas recomendacións un día coma o de hoxe, 8 de marzo, Día da Muller. Particularmente convidaría a achegarse a calquera libro, escrito en lingua galega, das nosas narradoras, poetas, ensaístas ou dramaturgas, de onte ou de hoxe, parte desa mesma estirpe que procede de Rosalía, mesmo de máis atrás, e que se estende ata os nosos días. Calquera das voces femininas que aparecen por esta bitácora, e tamén as que non aparecen por suposto, son ben merecentes de atención xa non hoxe senón todos os días.
Malia o afirmado, e pensando nos valores didáctico e no fomento do espírito crítico de quen se achega ás súas primeiras lecturas lembrei que, tras a aparición de Artur e Clementina de Adela Turín e Nella Bosnia, a mesma editorial que acolleu aquela edición puxo en circulación, hai poucos meses, o título Rosa Caramelo das mesmas autoras, un libro, ao meu ver, insubstituíble.
Rosa Caramelo inspírase nunha historia abeirada á imaxinación, coma se fose unha fábula, protagonizada por elefantas e elefantes, que camiña lizgaira e rotundamente cara a ofrecer unha inequívoca lectura simbólica que transita pola defensa férrea de valores como o dereito a elixir libremente, o respecto á diferenza abrazando e difundindo, por extensión, conceptos como ter presentes os conceptos da loita contra a desigualdade, contra os estereotipos e mais contra a discriminación sexual.
Alento, a quen non o coñeza, a achegarse a este título que debería ser unha lectura obrigatoria nas nosas escolas (velaquí unha útil guía didáctica que circula na rede) para evitar, nun futuro próximo, dolorosas lacras sociais.
Ás miñas fillas encántalles. Quizabes o lexamos esta noite outra vez.
Apertas