Na presentación do volume "Premios da Crítica Galicia. 35 anos de cultura"

Convidáronme a participar na presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de cultura nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura de Vigo na exitosa estrea dos denominados “Sábados culturais” e onde compartín mesa con Bieito Ledo, Modesto Hermida e Xesús Alonso Montero. Deixo aquí o texto que recolle a miña intervención (foto inferior: Manuel Bragado).

         Acudo aquí convocado por Bieito Ledo que me insta a que comparta con todos vós a visión que, alguén coma min, pode atesourar dos Premios da Crítica Galicia. A miña visión é, á forza, limitada, chea de claroescuros, un tanto bretemosa na evocación do inicios da convocatoria, lagoas que cubrín, en boa parte, mercé este coidado, documentado e imprescindible volume que hoxe presentamos. Todo o que veño de afirmar non impide, xaora, expresar a miña gratitude por participar neste acto –supoño que en virtude de ver en min con xenerosidade alguén máis ou menos atento ao devir literario en galego nos últimos anos e que defende e se enorgullece tanto da profesión docente que desempeña como do labor que con maior ou menor fortuna exerzo como crítico literario. Ao tempo, teño para min que é de regra comezar saudando tanto a exemplar traxectoria dos premios da crítica espellada neste libro como o nacemento destes “sábados culturais” que contribuirán, sen dúbida, a vivificar a cerna da Fundación dos Premios da Crítica e a proxectar as súas actividades á sociedade civil.

         Pode semellar pretencioso, e agardo que así non se interprete, que para trazar a miña percepción dos Premios da Crítica, teña que mergullarme en aspectos persoais desde que tiven conciencia da súa existencia. Contaba, así pois, quen vos fala con pouco máis dunha década cando estes premios da Crítica naceron aló no ano 1978. Quere isto dicir que a súa celebración anual me acompañou, con progresiva intensidade, ata o día de hoxe. A continuidade destas convocatorias supuxo, e talvez os organizadores e responsables de que toda esta maquinaria cultural botase a andar non fosen conscientes nun primeiro momento, un efecto que eu sitúo no ámbito sociolóxico e cultural de extraordinaria relevancia, nucleado no feito de como, desde nós, desde a sociedade á que me incorporaba con certa consciencia nos anos oitenta, había persoas que  eran quen de artellar unha plataforma que posibilitaba o recoñecemento público dun labor que miraba, sempre,  a Galicia; á marxe, madía leva, de que os xurados poden errar, iso é inevitable, pero a boa fe de todas e todos os que achegaron o seu gran de area non se discute. Percibía como a nosa
sociedade civil, daquela, era de quen se organizar e de manifestar unha dinámica propia e singular en canto que o que se xulgaba era o máis granado na creación literaria, no ensaio, na investigación, na música, nas iniciativas culturais, nas ciencias e artes da representación ou nese galardón denominado “galego egrexio”, que me moito me gustaría, por xustiza, que axiña incorporase á súa nómina unha “galega egrexia”, pois hai moitas galegas e moitas delas son ben egrexias.

         Ao me incorporar, por volta dos anos noventa, ao ámbito da crítica literaria galega constituía xa un deber ineludible estar atento ás candidaturas e, por suposto, ás galardoadas e galardoados nas diversas convocatorias e seccións pois esas escollas, eses recoñecementos, nados como logo souben do diálogo e o consenso, suscitaban en min unha clara sintonía –as máis das veces, xaora-, en ocasións algunha sorpresa, mais nas resolucións sempre alampeaba a curiosidade e, reitero, o orgullo de pertencer a unha sociedade que sabía da importancia de recoñecer o esforzo e traballo creativo en todas as ordes culturais.

        Por ese sincero sentimento de admiración que atesouraba cara ao galardón e cara ás persoas que o facían posible, supuxo unha enorme satisfacción cando no ano 2006 a organización tivo a ben convocarme para formar parte do xurado de creación literaria que naquela altura recaeu en Xavier Alcalá e que se celebrou en Mondariz-Balneario. Souben, pois, desde dentro, das dinámicas internas polas cales se chega, non sen vivos e mesmo acendidos debates, á resolución que se agarda do xurado; souben, despois, das relevancia que o galardón suscita no ámbito da creación literaria como elemento canonizador dun autor ou dunha obra literaria…, esas sinerxias tan precisas para un sistema literario coma o noso, para calquera sistema literario.

         Vou xa concluíndo. A lectura deste libro que hoxe presentamos, amais de entendelo como unha achega extraordinaria para poder avaliar algunhas das liñas de sentido da nosa cultura viva nos últimos trinta e cinco anos, resultoume gorentosa e altamente informativa. Del recomendo vivamente a lectura do “manifesto” dado a coñecer no ano 1978, as colaboracións valorativas realizadas ad hoc como aquelas que recollen diversas intervencións escritas hai anos e das que sempre tanto se aprende.

     Particularmente conmoveume dar cunha fotografía da xuntanza da primeira convocatoria no galardón de creación literaria na que se pode ver a Emilio de Gregorio Fernández, que actuaba como secretario, e mais a Pilar Vázquez Cuesta -de quen tiven a sorte de ser alumno en Compostela-, a Basilio Losada, Carlos Casares, Paco Martín, Celso Emilio Ferreiro e mais X.L. Méndez Ferrín. Sabía desa xuntanza e do que ocorreu na entrega do premio por un artigo de Carlos Casares e mais por unha conversa con X.L. Méndez Ferrín. Moitos dos presentes aquí talvez o lembren, eu só o souben moi posteriormente: Celso Emilio manifestou, nun dos seus derradeiros actos públicos en Vigo, a súa solidariedade cos traballadores de Ascón, en loita naquela altura, iniciando mesmo unha colecta solidaria para contribuír a paliar os efectos dunha folga que mantiñan desde había tempo. Eu quedo, se se me permite, con esta imaxe: a cultura galega viva, activa, xenerosa e belixerante naquela entrega de premios: de mans dadas cos problemas sociais, das traballadoras e dos traballadores…, angustias que xa se vivían naqueles anos finais dos anos setenta, e que recrúan hoxe cunha virulencia moi dolorosa. Velaí o espírito solidario que eu reclamo para a nosa cultura e que cristalizou naquel acto daquel afastado ano de 1978.

         Parafraseo a Cunqueiro para rematar cun simple desexo que é o de mil primaveras máis para os Premios da Crítica. Moitas grazas.