Sinfonía atlántica, de VV.AA. (edición de Carlos Clementson)

VV.AA.

Sinfonía atlántica (edición de Carlos Clementson)

Eneida, Madrid, 800 páxinas, 28 euros.

Eneida, selo editorial radicado en Madrid, faime chegar, a través do editor Lur Sotuela, quen ademais vén de publicar un suxestivo libro de relatos baixo o título de Alucinario, un exemplar de Sinfonía atlántica: unha monumental antoloxía en versión bilingüe galego-castelá da nosa poesía de todos os tempos.

      Eneida vén amosando, desde hai tempo, un inequívoco interese arredor da nosa literatura pois no ronsel desta publicación que hoxe me ocupa cómpre lembrar a edición do volume Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia, editado en 2005 baixo a responsabilidade e bo facer de Olivia Rodríguez González; o volume Escrita Luz, unha antoloxía persoal de Cesáreo Sánchez Iglesias, ou o recente monográfico dedicado á nosa poesía na revista El invisible anillo (número 16) que se comentou nas páxinas deste mesmo suplemento.

        O responsable deste proxecto case oceánico, Carlos Clementson -profesor, poeta e tradutor-, coido que cumpre á perfección o labor que lle corresponde como antólogo, tradutor e estudoso da nosa poesía. Non é doado, abofé, compendiar o máis granado da nosa produción lírica desde os tempos dos trobadores medievais até as voces do que denominamos entre nós “xeración dos oitenta”, que o límite no que esta antoloxía se detén. Estas voces escollidas aparecen, asemade, prologadas a través dunhas páxinas limiares que percorren, exhibindo un diálogo vizoso con outras achegas analíticas previas, as raíces do lirismo galego-portugués e os seus resultados poéticos, pasando pola recuperación da conciencia cultural de noso ou a pegada do Rexurdimento para se abeirar, finalmente, cara ao que denomina “poesía galega contemporánea”. Para todo isto constrúe o editor unha sorte de pequenos ensaios bio-bibliográficos e valorativos de recomendable lectura tanto para o lector galego como para quen on o e quere coñecer ou revisar os textos poéticos que tamén nos constrúen.

      Esta Sinfonía atlántica vén sendo, como o seu título sinala, unha sinfonía de palabras alicerzada desde as voces poéticas de todos os tempos no que se entende un trazo inequívoco da nosa propia identidade. Ollada globalmente fai medrar de novo, malia as ausencias -dentro das que a voz de María Xosé Queizán creo que é clamorosa-, orgullo pola existencia dunha tradición poética vizosa, perdurable no tempo e hoxe, malia todo, felizmente viva. Clementson di no seu limiar que perseguiu erixir, consciente de compoñer unha escolma subxectiva e persoal, unha antoloxía non “secamente erudita e académica” senón “de amable e gustosa lectura”. Teño para min que o conseguiu.

 

Esta recensión publicouse baixo o título de “Un compendio da nosa poesía” no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 9 de marzo de 2013.

1 Comment

  1. A min estas visións externas da nosa literatura parécenme moi necesarias. Nun mundo cada vez máis comunicado, creo que nos permiten liberarnos da proximidade excesiva que ás veces condiciona o noso criterio.
    Apertas

Os comentarios están pechados.