Canto te quero profe, Teño dúas casas, Iriña bailarina, de Cristina Justo e Paloma Rodríguez

Edicións Embora, no seo da colección “A igualdade conta”, publica tres volumes no formato de álbum ilustrado subscritos por Cristina Justo e Paloma Rodríguez como autoras, contando con acaídas ilustracións da artista eslovena Špela Trobec, seguindo o ronsel doutras publicacións anteriores deste equipo que viron a luz no mesmo selo.

    A inspiración destes libros responde a unha vontade explícita de romper certos estereotipos e convencións sociais  contra as que resulta preciso  reaccionar con contundencia. Velaí como, en Canto te quero, profese articula un percorrido a través das vivencias do pequeno Nicolás no seu primeiro día de escola, reflectindo con transparencia e sinxeleza as sensacións desa xornada desde o punto de vista do protagonista mais tamén, aplicando unha visión retrospectiva, a valoración positiva e o agradecemento expresado ao seu profesor de Educación Infantil que, contra o que adoito, resulta ser un home.

        Pola súa parte, Teño dúas casas afonda, desde unha visión  imaxinativa e coherente, nas vivencias cotiás dos fillos de parellas separadas e, finalmente, Iriña bailarina esculca na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por poder saír do espazo que a anoa a dar voltas sen cesar para poder xogar ao futbolín, ser pirata ou mesmo, se quere, poder engordar, isto é, para quebrar ou modificar a súa propia sorte ou fado.

    Parabéns por esta iniciativa pois promove e suxire valores  extraordinariamente interesantes para educar en igualdade desde o lectorado máis novo.