«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores, nº 61 (marzo-abril 2013)

Cumpre dez anos Biblos. Como sinalan os redactores da revista nesta entrega: “dez anos plenos de iniciativas e actividades a prol da cultura galega”. Para min, como é lóxico, é unha satisfacción e un orgullo acompañar aos lectores cada bimestre, mais neste número o primeiro desexo é transmitirlles os meus parabéns a Tucho Calvo e Carmela González por levar a cabo esta realidade e permitirme ir canda eles. Velaquí o “Breviario” deste bimestre:

1. Redacto estas liñas cando se lle outorga, oficialmente, á editorial Kalandraka, o premio Nacional ao Mellor Labor Cultural 2012. Entendo este recoñecemento como unha noticia excelente da que cumpriría felicitarse colectivamente e, ao tempo, coido que é de lei felicitar a quen día a día traballan neste proxecto para que sexa o que é.

2. Este ano celébrase o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego e xa se celebraron algúns actos na súa memoria. En forma de libro chegoume hai pouco o título Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, editado pola  Fundación Penzol, a Editorial Galaxia e o Concello de Vigo e que vén da man de Mª D. Cabrera Iglesias e Mª D. Villanueva Gesteiraquen traballaron no proxecto con agarimo e bo facer. Un libro con garantías para afondar no legado de Del Riego.

3. Creo non enganarme se afirmo que a celebración, este pasado mes de febreiro, da data na que Rosalía de Castro naceu, foi un éxito rotundo da sociedade civil e dalgunhas institucións como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e mais da Fundación Rosalía de Castro. Os meus parabéns a estas dúas últimas.

 4.  No mes de marzo, a editorial Galaxia pon a disposición, de quen lle interese, un libro titulado, ao meu ver con acerto, O mundo que teño de meu e que recolle artigos de Álvaro
Cunqueiro dispersos en revistas e xornais ao longo de  cincuenta anos do século XX.  Estou certo que esta achega ha poder iluminar, máis se couber, os meandros creativos polos que o mindoniense se moveu.
5. Gocei dun acceso parcial a un libro que me marabillou e que, estou certo, marcará un punto de inflexión no coñecemento e difusión dos xoguetes tradicionais da nosa cultura. Trátase de Tastarabás, subtitulado como “enciclopedia de brinquedos trandicionais e uso lúdico da natureza”: unha obra magna de máis de mil páxinas resultado de moitos anos de traballo e investigación de Antón Cortizas, en Xerais.
6. Pecha o prazo proximamente da novena convocatoria do premio de novela Biblos-Casa Grande do Bachao. Unha verdadeira oportunidade, aínda máis nestes tempos,  para menores de 25 anos que queiran ver a súa primeira novela publicada coa sorte de seren aconsellados por un titor ou titora de solvencia. Como é ben sabido, desta “canteira” saíron xa voces recoñecidas no panorama narrativo de arestora polo que desde aquí alento á mocidade que escribe a participar neste orixinal concurso.