Toxosoutos: 25 anos dando que ler

Toxosoutos está de aniversario. A editora noiesa cumpre vinte e cinco anos: unha longa andaina que quixen saudar, a pedimento do editor David G. Souto, con estas reflexións, reproducidas tamén no blog da editora bautizado cun título que tanto me gusta: Fírgoas.

O día 15 celebrouse na cidade de Vigo a Noite da Edición e, na rolda de recoñecementos programados, houbo un centrado nos 25 anos que cumpre o selo noiés Toxosoutos. Non puiden asistir a eses actos, e ben que o sinto pois gustaríame darlle os parabéns a David G. Couso como cabeza visible de Toxosoutos.
      A editora posúe unha traxectoria relevante no panorama da edición en lingua galega e, persoalmente, como lector e crítico literario, só podo agradecer, por unha banda,  a xenerosidade e a comprensión que a editorial amosou co meu traballo interpretativo e, pola outra, a achega que este selo veu realizando, e realiza, cara ao noso sistema literario. Esta advírtese, loxicamente, no catálogo vivo, diversificado e amplo que tras vinte e cinco anos ofrece e que exhibe unha aposta cada día máis xeneralista, pero que afonda na defensa e promoción de xéneros un tanto desatendidos ou de comercialización difícil como son a poesía, o ensaio ou o teatro.
        Toxosoutos, ademais, incorporou títulos que foron indiscutibles éxitos de crítica e lectorado, a carón doutros que non gozaron desa sorte mais que son precisos, sen dúbida, para axudar a soster ese edificio que son as letras galegas do noso tempo e que, entre todos e todas, construímos con ilusión e esforzo. Beizóns para Toxosoutos.