Unha humilde proposta, de Jonathan Swift

Jonathan Swift

Unha humilde proposta (tradución de Mª Fe González Fernández)

Editorial Trifolium, col. Musa pedestris, Oleiros, 2013,  10 €

 

A editorial Trifolium continúa a ofrecer saborosas sorpresas editoriais mergullándose con intuición nun baúl cheo de alfaias pendentes de traducir para a lingua galega e do que sabe tirar relevantes e suxestivas pezas ensaísticas que van vendo a luz, entre outras series,  na colección Musa Pedestris.

      Chega agora, así pois, esta tradución d´Unha humilde proposta, de Jonathan Swift: brillantes páxinas satíricas que postulan, cunha inequívoca visión sarcástica, solventar a pobreza que poboaba Irlanda ideando un solución sorprendente como é a antropofaxia: as fillas e os fillos dos irlandeses sometidos á miseria ben poderían servir de alimento para os ingleses ricos, de maneira que, entre outros obxectivos, se minaba o exceso de poboación, matábase a fame dos máis poderosos e solventábase de raíz, xa que logo, un serio problema que afeaba o seu país.

       Non se tarda nadiña en ler este texto no que Swift non dá puntada sen fío: “podería mencionar algún país que estaría disposto a devorar, mesmo crúa, toda a nosa nación”. Escrito en 1729  nun momento crítico da historia do seu país Swift recorre aos recursos nos que se manexaba con habilidade e mestría, isto é, procura unha reacción empregando a palabra e o sentido crítico: unha palabra que é un aguillón  ou ferrete operativo para inocular a rebeldía e a indignación. Magnífico Swift!