De roda en roda. Música e danzas do mundo, de VV.AA.

Suso Cancelas, Javier Jurado e Pilar Sampil

De roda en roda. Música e danzas do mundo

Galaxia, Vigo, 72 páxinas, 25 €

Suso Cancelas, Javier Jurado e Pilar Sampil levan tempo investigando e traballando arredor da relevancia que poden encerrar tanto as músicas como as danzas existentes nas tradicións culturais de todo o mundo. Resultado
deste interese, e da colaboración efectiva coa asociación  “Monteira. Grupo de Danzas do Mundo”, xorde a presente publicación que, baixo o título de De roda en roda. Músicas e danzas do mundo, ofrece un ensaio divulgativo abeirado a un inequívoco carácter práctico, que engade aos seus valores tanto un cd que incorpora vinte e unha pezas tradicionais interpretadas cos instrumentos autóctonos e, loxicamente, nas súas linguas orixinais, coma un dvd que resulta operativo para amosar visualmente as claves de cada un dos bailes que se desvelan con transparencia.

      O volume, moi coidado esteticamente, editado en formato de álbum e prologado polo profesor de Historia da Música Javier Jurado, concíbese desde unha perspectiva basicamente divulgativa co obxectivo confesado de “revitalizar a danza tradicional” e contribuír a facela “menos contemplativa e máis participativa”. Para acadar este propósito dispúxose, baixo un título que quere apreixar a imaxe da roda como símbolo de irmandade entre as xentes e mais os pobos, un verdadeiro percorrido por diferentes espazos xeográficos que van da Alsacia á Bretaña, dos Países Baixos a Rusia, da Romanía a Bulgaria ou de Bélxica a Grecia entre outros países, onde non falta tampouco a canonizada muiñeira.

       A guía práctica do verdadeiramente esencial das danzas e as músicas aquí atesouradas pode seguirse a través dos textos que, estruturados baixo a forma dun estimable exercicio de síntese, reparan no máis necesario que cómpre coñecer arredor das orixes das danzas e dos trazos máis salientables das vestimentas que se adoitan usar, ao tempo que se incorpora a melodía transcrita musicalmente, engadíndoselle información de carácter didáctico arredor do nivel de habilidade que se lle presupón á danza en cuestión e cal debe ser a disposición precisa para que os bailaríns executen o baile. O libro complétase, finalmente, cun útil e necesario glosario, unha bibliografía e unha listaxe que incorpora os diferentes enlaces que sobre este asunto se poden atopar na rede.

        Ao meu ver, velaquí un libro preciso, que vivifica e redimensiona o interese que debería depositarse nas músicas e nos bailes que se adoitan denominar tradicionais, malia que en ocasións non o sexan, mais que son expresión, unha máis, da singularidade dos pobos, aquí dispostos coma se se tratase dunha invitación para que practiquen e compartan. Voltaire dicía que cumpría ler e bailar pois estes eran dous divertimentos que nunca facían dano ao mundo. Con este volume ben se poden facer as dúas cousas.

Esta recensión publicouse baixo o título de “A música e a danza que nos unen”, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia o 23 de marzo de 2013.