Manuscrito: Ramón Caride

Nunha recente entrevista  Ramón Caride afirmaba que A chuvia humana, editada por Toxosoutos non hai moito tempo, é “esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente)”.

      En efecto, no ronsel  de propostas de poesía esencializadora que viron a luz recentemente da man de Miro Villar, Elvira Riveiro, Martínez Conde ou Branca Novoneyra,  A chuvia humana de Ramón Caride  é, ao tempo, un poemario que se pode ler nunha inequívoca clave reinvidicativa e de intervención social que agora chega a esta bitácora que incorpora as primeiras páxinas dese caderno que contén o libro e mais a derradeira.

    Ademais, ao fío das dinámicas de escrita, o escritor de Cea  apunta que “as manías á hora de porse a escribir son coma os defectos, todos estamos cheos delas pero parécenos que sempre son cousa dos outros, nunca nosa”, e engade: “fago anotacións en papeis soltos, co que teño a man, cando se me ocorre algo que me parece interesante. Tamén teño una chea de libretas, pero case nunca as levo comigo. Os poemas escríboos directamente a man; para os relatos e novelas fago case sempre un esquema manuscrito (2-4 liñas por capítulo), e logo redacto -ou corrixo, no caso dos poemas- no computador. A mellor hora para escribir son as oito da mañá, ou antes a poder ser -sobre todo en vacacións escolares- pero erguerse a estas horas non é traballo doado, e cada vez custa máis…”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.