"El fugitivo", de Ramón J. Sender, guión de Hans Leuenberger e ilustracións de Jaime Asensi

Ramón J. Sender

El fugitivo (guión de H. Leuenberger e ilustracións de J. Asensi)

Leoedita, Málaga, 2012, 56 páxinas,  15 €

 

Este vindeiro xoves 4 de abril, ás 20.00 horas, preséntase este libro na Libraría Paz de Pontevedra e pode resultar acaído escribir un par de parágrafos sobre este cómic pois, malia non ser este un xénero polo que transito habitualmente, participo da opinión de que, cando menos, é esta unha publicación que ben merece ser divulgada.

         As razóns son moitas. Alén dalgunhas persoais -imposible esquecer a lectura do Réquiem por un campesino español que tanto impactou a algunha xeración nos seus anos de formación-, talvez a primeira se nuclee arredor do magnetismo temático que encerra esta peza narrativa de Ramón J. Sender,  publicada orixinalmente en 1972, pois recrea, nun contexto ofegante, as reviravoltas ás que se lle obriga a experimentar a un cidadán condenado a morte tras a guerra civil. Este personaxe, que ás portas de cumprir a condena se converte en  “fuxitivo”, acobillarase en diversos espazos que, ao que semella, se sitúan en Alcolea de Cinca, lugar onde o escritor aragonés pasou algúns anos da súa infancia. Será xustamente aí onde vaia adquirir corpo esa fuxida cara a ningures, desenvolta nun contexto cheo de irrealidade e simbolismo, beireando progresivamente a loucura e procurando con recorrencia a morte liberadora.

      O traballo do Hans Leuenberger, tradutor e xornalista suízo radicado en Ronda (Málaga) transparenta, ao meu ver, un espléndido labor de adaptación do texto orixinal de Sender e o arousán Jaime Asensi realiza un non menos suxestivo traballo de ilustración que convido vivamente a coñecer.

     O libro, finalmente, edítase a través do selo Leoedita que creou ad hoc propio guionista para esta publicación, que entendo moi recomendable e meritoria. Deséxolle a mellor das sortes.