Casahamlet. Revista de teatro. Teatro e audiovisual, nº 14

Isaac Ferreira (dir.)

Casahamlet. Revista de teatro. Teatro e audiovisual (nº 14)

Deputación da Coruña-Casahamlet, A Coruña, 148 páxinas.

Recibín hai algúns meses o último número publicado da revista Casahamlet, dedicado nesta ocasión á relación entre teatro e audiovisual. Editada tan pulcramente como en ocasións anteriores penso que é de regra visibilizar un chisco este proxecto ao que cumpriría outorgarlle sempre un espazo maior nos medios, e máis sobre todo este ano en que a atención mediática e literaria repousa tanto na figura como sobre todo no legado dramatúrxico de Roberto Vidal Bolaño.

    Xustamente é a figura de Vidal Bolaño a que  aparece aquí e acolá en diversos artigos que se incorporan nesta entrega como nas achegas que subscriben Laura Ponte (“Roubándome o alento”) ou Antón Reixa (“Doentes. Galicia como fábula en Roberto Vidal Bolaño”), alén dalgunha outra. Con todo, este número organiza os seus contidos desde a perspectiva de reflexionar arredor do teatro e o que denominan, no editorial da revista, “outras artes parentais -como fotografía, radio, cinema, televisión… -que tentan representar o ser humano en todas as súas loucuras e misterios”. En efecto, con esta vontade aglutíñanse especialistas de todos estes ámbitos -cito tan só algúns e algunhas, e desculpas polas omisións, como  José Mª Folgar, Casilda Alfaro, Jacobo Paz,  Comba Campoy, Miguel Castelo, Xurxo Chirro, Pepe Coira, Fernanda del Río ou Lidia Fraga- que realizan abordaxes documentadas e rigorosas arredor das devanditas artes das que, no meu caso particular, leigo en moitas destas materias, moito se aprende delas.

    A revista complétase coas habituais seccións de “creación”, que incorpora textos dramáticos novos, e “documentación” -con senllas propostas a cargo de Miguel Anxo Fernández e Henrique Rabuñal- que poñen o ramo a unha revista cuxa continuidade é, sen dúbida, un signo esperanzador.