PERE TOBARUELA, O ESCRITOR CATALÁN RESIDENTE EN GALICIA, RECREOU O ROUBO DUN CÓDICE EN COMPOSTELA DESDE AS PÁXINAS D´O CÓDICE DO SANTO LUGAR (XERAIS).
Pere Tobaruela (Barcelona, 1965), licenciado en Xeografía e Historia, desde hai uns anos vive en Galicia e xa non é un escritor alófono en lingua galega -tradición na que García-Lorca ocupa un papel destacado- pois utiliza, indistintamente, a lingua galega de adopción e a catalá de instalación en moi distintos xéneros. Tobaruela, que entende as redes sociais como unha ferramenta precisa para promover e dar a coñecer a súa tarefa creativa, fálanos aquí sobre as diferenzas que encontra entre a literatura galega e a catalá, e revela as súas razóns como narrador.
-Que leva a un escritor profesional en catalán a escribir en galego?
-Actualmente vivo en Galicia e o simple feito de vivir nun país cunha lingua propia leva consigo, para min, falar e escribir nesa lingua. É pura cuestión de lóxica, creo eu. De respecto tamén… Coñecer outra lingua, somerxerte nas súas palabras ábreche a mente, sérveche para valorar e ver o mundo desde outra perspectiva. Creces como persoa. E no meu caso pásao ben. Que máis se pode pedir?
-Que diferenzas advirte entre estes dous sistemas literarios?
– Á parte de que en Cataluña haxa unha masa de lectores proporcionalmente máis ampla que en Galicia, outra das grandes diferenzas pódese resumir coa palabra “profesionalidade”. Ao meu modo de ver, en Galicia a maioría dos escritores non conciben o feito de escribir como unha profesión. Respéctoo pero non o comparto. Por que un zapateiro, por poñer un exemplo, pode dicir que o é un profesional e a xente o asume e o respecta? Que un escritor diga que é un profesional, en Galicia non “soa” ben. Polo menos iso é o que eu percibo…
-A súa presenza tanto na rede coma na promoción dos seus libros é moi intensa, trens que non se deben perder?
-Non se trata de perder trens, trátase de subir a eles. Penso que, a nivel de promoción literaria, a rede ofrece unha gran posibilidade de visibilizar o que fas, e iso xa é moito. Está claro que é unha opción persoal e á que lle tes que dedicar tempo. Eu hai anos que asumín que a promoción é importante, por iso dedícolle o mesmo tempo que ao proceso de escritura.
–N´O Códice do Santo Lugar o peso histórico que a domina e a intriga que desenvolve parecen prefigurar o presente…
-Estou convencido de que a realidade sempre supera á ficción… Comecei a escribir esta novela hai catro anos. Quen me ía dicir a min que cando a editorial Xerais a publicase ía coincidir co roubo do Códice Calixtino? O códice do Santo Lugar tamén vai sobre un roubo, pero está ambientada o ano 1086, e ten o famoso Diego Xelmírez por protagonista. Estou contento porque me custou moito escribila, en tempo e en esforzo, pero, aínda que só leva un mes e medio no mercado, está a ser moi ben valorada tanto polo público coma pola crítica e nestes momentos estou a movela para traducila, polo menos, ao castelán.
-Algún proxecto entre mans?
-Claro que si. Eu vivo da literatura. Ou sexa, dedícome a escribir a tempo completo. Iso quere dicir que teño que escribir cada día si ou si. Ademais da miña paixón é a miña profesión. Traballei duro por conseguilo e sigo a facelo para manterme… Mentres a cabeza aguante, seguirei na brecha.
Este texto publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 186, na sección «Letras galegas». Ofrezo aquí a versión en lingua galega desta entrevista.