Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, de Antón Cortizas

Antón Cortizas

Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza

Xerais, 2013, 1080 páxinas,  48 €

 

Non resulta doado sintetizar os elementos de interese que encerra unha publicación como é Tastarabás.  Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza; e non é porque, alén da súa monumentalidade –máis de mil páxinas e unha cantidade semellante de enredos e xoguetes descritos,  por apenas citar dous datos- espella, con vizosidade e acerto, o labor de dez anos de investigación e de intensas pescudas arredor deste universo.

            Prologado por Brinquedia (rede galega do xogo tradicional) e prestixiosos especialistas no ámbito do que significa o xoguete tradicional e as súas dimensións culturais como son João Amado, Guy Jaouen, Pere Lavega e Paco Veiga, a achega do profesor Antón Cortizas acobíllase nun volume de carácter enciclopédico no que cómpre salientar, en primeira instancia, a coidada edición que incorpora máis de 2500 útiles fotografías; unha edición concibida a través dun meritorio traballo de deseño e ilustración de interiores a cargo de David Sierra e dun envexable labor de edición técnica baixo a responsabilidade de Ramón Domínguez.

       Ao meu ver, a orientación enciclopédica amentada que organiza o volume talvez sexa máis acaída para vehiculizar a información que aquí se deita e esta estrutura non debería escorrentar a ninguén da súa consulta nin da súa lectura, antes ben penso que facilita o seu manexo.  Neste sentido, cada unha das entradas que conforman o volume se estruturan arredor de criterios agrupativos como son os enredos aplicados ao mundo animal e ao vexetal, pasando por brincadeiras co mundo inanimado ou aqueloutros de enxeño e habilidade, de desprazamento, con movemento ou sonoros (de bater e riscar, de sopro ou de corda) ata reparar nas bonecas, nas representacións de animais, nas construcións ou no denonimado “arsenal infantil”, entre outros.

      Ademais, cada un dos brinquedos catalogados disponse baixo unha vontade inequivocamente didáctica onde tanto na descrición como na explicación de cada un deles prima a transparencia e claridade, engadindo valiosa información arredor do emprego do xoguete, da dificultade de construción, das variantes e os lugares onde se recolleu a información, alén dunha escolma de textos literarios, algúns moi descoñecidos e de difícil acceso, que atesoura unha interesante potencialidade docente e informativa.

      Velaquí un reto, non teño dúbida, solventado con eficiencia polo seu autor. Aínda máis cando se trata de afondar en cuestións que teñen que ver co que fomos na infancia, isto é, coa nosa memoria e co que en boa parte aínda somos ou nos queda dela; mais tamén con todo aquilo que se vincula co noso patrimonio cultural lúdico proxectado aquí como unha invitación amable, atractiva e rigorosa para traelo cara ao noso presente. É difícil non atopar en Tastarabás páxinas que non activen non só experiencias de formación e divertimento senón certa maneira que cada lector e cada lectora tiña ou ten de ver pasar o tempo e de estar no mundo. Beizóns ao seu autor por esta monumental achega á nosa cultura.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 6 de abril de 2013, baixo o título de “Máis que un catálogo de xoguetes”. Reprodúzoa aquí con mínimas emendas.