Na presentación de Feminismos, de O. Castro e M. Reimóndez, en Vigo

Tras a primeira presentación de Feminismos, ensaio subscrito por   Olga Castro e María Reimóndez, celebrada a semana pasada na libraría compostelá Lila de Lilith, o día de onte  a libraría viguesa Librouro  acolleu as súas autoras, á profesora Belén Martín Lucas, prologuista do volume, e a Manuel Bragado para facer o propio diante dun numeroso público.

       Feminismos, ao meu ver e polo que puiden oír onte, é un libro do que cómpre ocuparse con vagar, lelo e reflexionar. As voces que se referiron a el coincidiron en salientar o seu propósito totalizador, divulgativo e didáctico, a súa prosa limpa, e case recendente diría eu que só levo lidas unhas páxinas mais que confirman esta aseveración, ademais de albergar a impresión de que soubo situarse, e non é doado,  nesa liña que o converte nunha ferramenta apta tanto para persoas que descoñezan estes movementos como para quen xa  posúe alguna información ao respecto, sen esquecer nunca a amenidade na súa redacción.

       Persoalmente perseverarei  na súa lectura, que polo de agora percibo como extraordinariamente informativa e formativa. Teño para min que esta “cartografía dos feminismos na xeografía e na historia”, tal e como o definiu a súa prologuista, non debe pasar desapercibida (foto superior Marta G. Brea).