Miguel Ángel Alonso Diz (textos) e Luz Beloso (ilustracións)
A nena á que non deixaban ser feliz
A Porta Verde do Sétimo Andar, Q de Vian Cadernos, Vigo, 2013, s/p.
Prestoume a lectura desta última proposta de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, quen xa constituíran un equipo autorial con O cullarapo Croque, publicado non hai moito tempo.
Esta publicación, outra iniciativa nada ao abeiro de verkami e publicada como outro proxecto d´A Porta Verde do Sétimo Andar, faime pensar que constitúe un paso adiante polo tándem Alonso e Beloso, dado con convicción e firmeza, no ámbito do conto ilustrado para primeiros lectores e lectoras, e se cadra non só pois o discurso narrativo aparece enfiado de tal xeito que non é difícil que calquera poida advertir pegadas, aquí e acolá, de Saint-Exupéry, de Michael Ende ou, a que me semella que goza dunha maior relevancia a que se pode derivar dese mundo exposto literaria e simbolicamente no 1984 de George Orwell.
Deste xeito, o libro nucléase arredor do concepto da (in)felicidade, artellándose un percorrido, unha viaxe protagonizada por Sabela, quen unicamente devece por ser feliz e cuxa culpabilidade é, precisamente, dicilo aos catro ventos. Esta afirmación é o feito que a conducirá a ter que se enfrontar diante de xuízos implacables, ou mesmo superar fortes tentacións, que non conseguirán modificar as súas sinxelas e arraigadas conviccións exhibindo argumentos que, dentro da súa inocencia -pois unha nena é- resultan inapelables. Valores como son a solidariedade e a xenerosidade que Sabela encarna van manterse, mesmo afortalarse, diante do abuso das tecnoloxías, da cobiza, da privación da liberdade persoal e colectiva. Tamén por el circulan as pegadas dun patriarcado ofegante ou se remarca a existencia dunha xustiza administrada, seica, desde unha sala denominada de “homoxeinización e orde”.
Non quero concluír sen subliñar a espléndida lectura visual que ofrece Luz Beloso, centralizada neses corazóns de diversas cores que centralizan xustamente a clave da historia. Deséxolle a mellor das sortes a este A nena á que non deixaban ser feliz: unha lectura con múltiples posibilidades que simboliza, ademais, un fermoso proxecto agora materializado. Parabéns!
6 Comments
Os comentarios están pechados.