Manuscrito: Xosé Monteagudo

Hai poucos meses deixei neste blog unha recensión a O curioso mundo das persoas normais de Xosé Monteagudo,  libro que me resultou moi atractivo. Volve Monteagudo a este espazo cuns manuscritos pertencentes á  súa novela Un tipo listo, e se corresponden ao comezo e mais ao final desta última.

    O autor de Santa Xusta de Moraña cultiva unha metodoloxía de traballo moi concreta: escribe sempre a man a primeira versión dunha novela que persegue facer de corrido, sen preocuparse demasiado por aquilatar o estilo, e engade: “Iso non quere dicir, nin moito menos, que eu sexa rápido escribindo. Non o son. Quizais unha boa parte da culpa de que non o sexa a teña o meu costume de escribir as novelas sen un guión previo nin un plan preciso do que vai suceder en cada escena (cando excepcionalmente fixen un guión escrito, coma no caso de Un tipo listo, enseguida me desviei del).  Para Monteagudo ese plan predeterminado  lévao “por camiños que non conducen a ningures, prolongando o traballo da escrita” e o criterio que adopta “ten a vantaxe de que fai moito máis natural o retrato dos personaxes e mais a súa forma de actuar, ao non predeterminalos a unha idea autorial. No meu método de traballo, é o ritmo e as ideas que van xurdindo espontaneamente as que encamiñan o relato conforme á súa propia dinámica interna (ou á dinámica que a miña imaxinación, ou se cadra máis propiamente a miña intuición literaria, é quen de albiscar en cada pasaxe)”

     Cando o autor conclúe a versión inicial, comeza a fase das correccións: “pasado a word o manuscrito, traballo sobre a copia impresa, axustando ritmos, precisando expresións, desenvolvendo ideas, aquilatándoas, eliminándoas, cambiando de lugar escenas, proxectando nelas un significado diferente, etc. Este traballo de corrección repítoo varias veces con novas versións do procesador que van incorporando as correccións de cada revisión. O gratificante para min está en que con cada corrección vexo perfilarse con maior claridade o mundo que quero retratar a través da historia que estou contando. Coido que aí, xustamente, está o cerne da ilusión pola cal me apaixona esta tarefa”.

     No que se refire aos dous fragmentos que comparte aquí amosan algunha das características do seu traballo: “o fragmento inicial está escrito case sen correccións nas súas primeiras frases. Isto é así porque o embrión dunha novela, a idea inicial, sempre ten na miña imaxinación un gran poder magnético que enseguida lle confire un ritmo propio ás primeiras frases mediante as que empeza a converterse nunha historia escrita. As primeiras frases que escribín de Un tipo listo son esas que están no manuscrito, mais o comezo da novela no labor de corrección posterior variou totalmente. Con todo, esas primeiras frases do manuscrito pasaron con moi leves alteracións a constituír o comezo do que foi logo o capítulo 6 da novela. O fragmento final non corresponde xa á primeira versión da novela, senón a unha das últimas correccións de certa extensión que fixen na versión final (aínda así, ese fragmento elimineino despois). Polo demais, o número de páxina que figura no final das follas corresponde ao numero dos folios do manuscrito, escritos polas dúas caras, incluídas as correccións”.

     Beizóns a Xosé Monteagudo pola súa xenerosa achega.


1 Comment

Os comentarios están pechados.