Encontro sobre «En vías de extinción», de María Reimóndez, no Club de Lectura «Lendo no Galiñeiro»

Pasou María Reimóndez polo club de lectura «Lendo no Galiñeiro», concretamente o que se destina ao profesorado, persoal non docente e pais e nais do alumnado do IES Valadares de Vigo.

      O motivo, loxicamente, establecer un faladoiro arredor da súa última novela, que resultou extraordinariamente intenso. Reimóndez desvelou que a novela responde a un intento de “entender a propia vida” e que se integra nun proxecto narrativo de longo alcance que cristalizará en posteriores entregas.

      Ao longo do diálogo aflorou en moitos momentos o efecto que denomino “a emoción de ler”, algo que non ocorre con todas as propostas narrativas, vinculado ás veces con continxencias e lecturas persoais mais tamén coa estratexia de estrañamento que a propia lectura provoca. Falouse da concienciuda estrutura da novela, das situacións de marxinalidade, da pretensión de obter visións máis globais, das ideas críticas que percorren este libro, das identidades, do título como “voz de alarma” dos mundos que se transforman, do galego de Lugo como homenaxe ás raíces lingüísticas, e mesmo do que se pode facer coa illa de Toralla; non se esqueceu tampouco deterse no labor da ong Implicadas no Desenvolvemento.

    Sospeitei sempre que esta novela tiña un longo percorrido pois gozaba do raro poder de activar resortes en que se achegue a ela e onte, unha vez máis, quedou confirmado. Grazas a María Reimóndez por compartir este serán tan brillante (fotos do encontro de Anxo Cabada).

1 Comment

  1. Moitas grazas a todo o club de lectura por unha tarde que me emocionou profundamente e grazas a ti por organizar esta e tantas outras cousas.
    Apertas!

Os comentarios están pechados.