O asombro. Audiolibro de Fantoches Baj a partir de textos de Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra / Fantoches Baj

O asombro

Fundación Uxío Novoneyra, colección Valumbo, nº 1, Libros do Vento, Lugo, 2013.

 

Asómbrame, por conxugar un verbo acaído, este O Asombro: un audiolibro de Fantoches Baj inspirado e concibido a partir de textos de Uxío Novoneyra.

      O Asombro parte dun feito real: en 1963 o poeta do Courel traballaba no programa de RTVE –Versos a Medianoche– que se emitía coa carta de axuste onde adoitaba declamar, ou “dicir” como gustaba de aseverar, poemas de autores universais. O 25 de xullo declama “Penélope” de Díaz Castro e, ao rematar, escóitase o “Negra sombra” rosaliano.

     Deste xeito, partindo dun acto consciente e abertamente subversivo naquela altura,  O Asombro proxecta esta intención e articúlase como un espectáculo visual e literario no que, a carón do fío narrativo que vai estruturando o espectáculo, “dinse” os poemas de Novoneyra, enlazados con fragmentos da longa entrevista que lle realizou no seu día Emilio Araúxo e que se recolle no título Dos soños teimosos. Todo isto apoiado, nalgunha medida alicerzado, na comuñón con numeroso material gráfico en forma de fotografías, ilustracións e deseños que forman parte do espectáculo de Fantoches Baj.

    O libro, alén de constituír unha pequena alfaia polo coidado estético que se depositou nel, e alén  mesmo da súa operatividade didáctica que sen dúbida atesour,  goza ao meu ver dunha proxección incuestionable pois serve tanto para  se achegar por vez primeira ao universo da poesía de Novoneyra como para  volver tripar camiños xa coñecidos que son os dunha poesía inimitable chea de fondura.

       Volve brillar aquí a voz do poeta courelao e escintila a súa autenticidade. En todas as páxinas, e no dvd que as acompañan, revélase a intensidade da súa mensaxe,  conmovedora e vixente coma sempre. Recomendo este audiolibro pois nel repousa, outra vez, a vida toda do poeta a través da súa palabra: os espazos polos que transitou, a memoria, o que abrazou e o que rexeitou. Constata, por alguén o descoñecía, como a poesía foi a súa vida; como a súa vida foi a poesía, galega por suposto.

(Fotografía superior: Fundación Uxío Novoneyra).