Cando fóramos nevar, de Vicente Araguas

Vicente Araguas

Cando fóramos nevar

Sociedade de Cultura Valle Inclán, colección Soláster, Ferrol, 2013, 72 páxinas.

 

Escrito está nun dos primeiros versos deste novo libro de Vicente Araguas: “escribo lento”. Sen que a afirmación, non se esqueza que de filiación poética, anule ou desmereza outras estratexias creativas, que tamén as hai, eu quero ver aquí unha das claves da excelencia deste libro do escritor de Neda: cando hai traballo e pulimento difícil é que o resultado non revele atractivo e interese, e tal é o caso ao meu ver.

         Poesía é, abofé, este Cando fóramos nevar, título que provoca estrañamento nunha primeira instancia pero que ao pouco de afondar nel cobra cabal sentido. Esta entrega de Araguas transita, non sei calibrar ben as medidas exactas, entre o diario poético, a crónica, o testamento vital ou o intento xa non sei se de apreixar o tempo na palabra pero cando menos consegue testemuñar con convicción o “tempo” vivido, pousando os ollos e o intelecto nel: “Para saber quen son / detéñome no tempo”.

       O poemario, no que rezuman como en todos os libros do autor nedense,moitas doses de  música e tamén de erotismo, estrutúrase en catro partes e, como toda crítica é subxectiva, non faría ben se non afirmase que a máis atractiva me resultou foi a primeira, aquela que precisamente lle outorga título ao volume. Nela, abeirado ao esencialismo, á palabra máis núa e optando por prescindir do accesorio, asómase a un pasado no que non todo son precipicios e cavorcos pois nesa lenta e laboriosa esculca se rastrexan experiencias gratas e pracenteiras: é aí onde Araguas abraza todo o que se poida abrazar, ou lembrar, e proxéctao cara a un presente desde o que todo escintila ou esmorece de diferente maneira ao que o facía antes.

      Adquire outra intensidade máis narrativa o verso nas dúas seguintes partes do libro -“O berro primal de Yoko Ono” e “Ondequeira que esteades”- e neles segue afondando na evocación dese “tempo que fura”, atento sempre ás cousas miúdas, as evocacións que pode espertar un obxecto, unha fotografía, un nome, un aceno lembrado,  unha ollada, un espazo concreto….. Brindase a oportunidade aquí de trazar perfís persoais que resultan igualmente operativos para rescatar e revivir esa rede de afectos que sempre van canda un e que convén non esquecer. Conclúe o libro unha sección onde incorpora tres breves textos narrativos que complementan, diría que con emoción, este libro dun náufrago con palmeira que moitos, nesta parte do planeta, moito apreciamos, literaria e persoalmente.

 

2 Comments

  1. Hola, soy Pablo, un alumno de 1º de la E.S.O. del Colegio Martían Códax. Me gusta mucho leer y escribir. Mi hermana y yo, tenemos un blog (libroslectureka.blogspot.com) dedicado a la lectura, y nos gustaría poder hacerle una entrevista para publicarla, pues para mí es usted un personaje importante y polifacético por su actividad como profesor, traductor, crítico, escritor… Todas ellas, profesiones relacionadas con la literatura. ¡Esperamos con ilusión su respuesta! Gracias.

    1. Encantado de colaborar convosco para o que desexedes. Moitas grazas pola vosa atención e parabéns polo voso blog!

Os comentarios están pechados.