Carlos Casares, o amigo das palabras, de Rafael Laso e Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo

Rafael Laso Lorenzo

Carlos Casares, o amigo das palabras

Galaxia, Vigo, 2013, 112 páxinas, 19 €

 

Ramón Otero Pedrayo

Xeórxicas do pan

Galaxia-Fundación Penzol-Universidade de Vigo, Vigo, 93 páxinas, 20 €

 

En idéntico formato publícanse, da man da editorial Galaxia, senllos libros que actualizan, en diverso sentido, as figuras de Carlos Casares, neste caso nun libro-homenaxe, e mais a de Otero Pedrayo ao rescatar un libro de poesía inédito do que ben pouco se coñecía.

 CASARES

             Rafael Laso Lorenzo, narrador limiao próximo afectivamente á figura de Carlos Casares e á da familia deste por diversas continxencias, articulou en Carlos Casares, o amigo das palabras unha revisión da biografía e obra do autor de Ilustrísima: un proxecto ben necesario e pertinente neste ano no que se cumpren dez desde a súa morte.

         Deste xeito preséntase unha achega previa a cargo do autor devandito, na que sistematiza un percorrido -en clave memorialística e nalgunha medida sentimental- arredor das vivencias que atesoura arredor da figura de Casares. Esta intención resúltalle operativa para trazar ao mesmo tempo un intenso e documentado perfil biográfico exposto con solvencia e axilidade, alén de ofrecer unha catalogación, cronolóxica e xenérica, da súa obra literaria.

         O introdutor da obra, asemade, foi quen de compilar un rico e variado corpus fotográfico que, a xeito de fotobiografía, vai revelando algunhas das vivencias do autor de Vento ferido entre aquelas ás que tivo acceso e que hoxe se ven, en moitos casos, con inequívoca saudade.

         O volume complétase, na súa parte final, cunha sección que, ao meu ver, non está exenta de interese. Nela propúxolle a un heteroxéneo grupo de persoas –de Kristina Berg a Méndez Ferrín, de Camiño Noia a Agustín Fernández Paz entre outros- que, gozasen ou non de trato persoal con quen foi director da Editorial Galaxia, respostasen un inquérito breve que transita por asuntos como a valoración de Carlos Casares como escritor e persoa, arredor das cualidades da súa escrita, sobre a obra que máis pegada deixou e unha última pregunta que se lle faría ao narrador. Lidas globalmente todas as evocacións transmiten, inequivocamente, o papel relevante que Casares desenvolveu na literatura e na
cultura galega ao longo da súa vida. Bo é lembralo.

 OTERO PEDRAYO

         Constitúe unha extraordinaria noticia a aparición e edición conxunta das tres versións das chamadas Xeórxicas do pan: un longo poema inédito de Otero Pedrayo constituído por máis de 2000 versos que formaba parte do material que o autor de Trasalba deixou á Fundación Penzol, e que aparecen agora en virtude dun excelente traballo de edición e introdución levado a cabo por Silvia Penas, no seo dun proxecto de investigación levado a cabo por un equipo dirixido polo profesor Manuel Forcadela.

         Esta publicación matiza, ou máis ben redimensiona, a valoración de Otero Pedrayo como poeta, do que se coñecían ata agora, alén do seu Bocarribeira, poemas para ler e queimar (1958), apenas outros textos compilados no seu día polo profesor Alonso Montero.

            Estas Xeórxicas do pan teñen a virtude de deixarnos pousar os ollos nun volume no que, ademais de reparar na exaltación da vida do agro e ofrecer unha visión, tal e como sinala a editora  do volume, “pouco menos que sagrada sobre o pan de centeo” tamén reproduce algúns  marabillosos manuscritos e deseños da man do propio Otero. Parabéns polo achado e, sen dúbida, por esta publicación.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 20 de abril de 2013 baixo o título de “O valor da palabra”.