Na Feira do Libro de Ferrol con Celso Emilio Ferreiro

Participei onte na presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Feira do Libro de Ferrol, nun acto que serviu para poñer o peche desta edición que, ao que parece, resistiu meritoriamente as acometidas da crise. O libro presentouse xa en diversos lugares até o de agora e en cada un deles non deixa de sorprenderme e fascinarme a expectación e o desexo de coñecer máis arredor da figura de Celso Emilio Ferreiro, como onte se confirmou unha vez máis diante dun nutrido grupo de persoas.

     As xenerosas palabras tanto do editor Fran Alonso, en representación de Xerais, como as de Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, foron para min desas que reverberan na memoria durante moito tempo resultando, en ocasións, conmovedoras, como tamén o foi a presenza de persoas queridas como Medos Romero, Manuel López Foxo, Luís Mera e Henrique Dacosta, alén doutras admiradas por min e que alí coñecín como ese traballador incansable que é Antón Cortizas. A miña gratitude á organización da Feira do Libro, aos presentadores do acto e a todas aquelas persoas que asistiron polas complicidades ferreirianas.