Cando sexades pequenos, de Uxue Alberdi e Imos buscar un tesouro, de Janosch

Uxue Alberdi

Cando sexades pequenos (ilustracións de Aitziber Akerreta, tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 32 páxinas, 13 €

 

 

 

Janosch

Imos buscar un tesouro (tradución de Dolores Romay)

Kalandraka, Pontevedra, 52 páxinas, 15 €

 

 

Gustáronme estas dúas publicacións de Kalandraka pois ambas as dúas camiñan por vieiros nos que non é difícil advertir un común espírito subversivo e un tanto heterodoxo.

          Cando sexades pequenos, de Uxue Alberdi -que incorpora suxestivas e acaídas ilustracións de Aitziber Akerreta– subtitúlase, significativamente “Contos para contarlles aos maiores antes de durmir” e velaquí a esencia que articula esta proposta narrativa e ao tempo visual onde resulta imposible non pensar nas confluencias con”O neno suicida”, magnífico relato de Rafael Dieste contido en Dos arquivos do trasno, e prescindo na comparanza doutros subprodutos cinematográficos pésimos. As diferenzas co texto diestiano son, loxicamente, palpables pois Uxue Alberdi opta por un nós colectivo e diríxese, precisamente, aos adultos para os alertar de todo aquilo que poderían facer no caso de iren, coas armas que presta a imaxinación, contra as leis máis inexorables que aquí se vulneran, obtendo un resultado máis que rendible pois o argumento recorre con solvencia ao recurso do contraste, exposto co fluidez e axilidade, e onde non é díficil advertir a vontade que domina a proposta: redescubrir aqueles aspectos da vida cotiá que resultan, en última instancia, verdadeiramente relevantes.

E non quero desaproveitar a ocasión para me referir con brevidade a un autor polo que sinto unha especial debilidade como é Janosch, de quen Kalandraka, tras Que bonito é Panamá ou Correo para Tigre, trae agora Imos buscar un tesouro. Se no libro anterior da escritora éuscara subliñaba a existencia dun evidente espírito transgresor tampouco é difícil rastrexalo nesta entrega do autor, malia continuar coa presenza de animais humanizados, de onde xorde certo arrecendo a fábula actualizada, recurso que lle resulta operativo para recrear asuntos como o valor da amizade, a relevancia depositada na sinxeleza ou unha ollada crítica cara ao materialismo, sendo ao meu ver antolóxicas tanto as páxinas centradas no enviado do rei que reclama as  metades dun tesouro atopado  como aquelas que emiten chiscadelas continuas a un lector adulto materializadas, por exemplo, na presenza da árbore de mazás douradas.

       Dúas pezas, en conclusión, ben suxestivas e que recomendo sen ningunha dúbida, e para calquera idade, por certo.