Manuscrito: Alfonso Láuzara

Compartín centro de traballo con Alfonso Láuzara ao longo de moitos anos. Sabía do seu interese pola literatura de noso pero non sospeitaba que era parte integrante, e moi activa, do colectivo A porta verde do sétimo andar. Por iso, no plano persoal, é unha satisfacción traer unha mostra do seu traballo a esta sección. 

    Láuzara, segundo confesa, escribía hai algún tempo moito máis de puño e letra, mais  non prescinde desa escrita de primeira man “que é quizais a que máis nos achega ao oficio enxebre e xenuíno do escritor”. No que se refire á dinámica creativa apunta que “case sempre abordo o labor de escribir co bolígrafo preferentemente azul na man, sobre todo cando son as ideas e palabras as que me sorprenden sen ter sido convocadas, de súpeto, ás veces mesmo nos intres máis inoportunos e así certo caudal pérdese porque en diferido xa non é o mesmo! Logo aínda soe haber unha segunda fase con ese predominio da escrita a boli onde os textos xa van tomando algo de forma e corpo; nuns casos saen con certa fluidez en pouco tempo, mais na meirande parte dos casos a verdade é que lle dou moitas voltas e traballo moito sobre eles, o que non quere dicir que o resultado sexa óptimo; nestas dúas fases produzo unha chea de notas algo caóticas en formatos peculiares, o máis frecuente é a típica cuartilla ou folio pregado á metade,  ás veces tamén algún anaco de papel panfletario, ‘servilletas’… e un detalle curioso é que escribo con letra pequena en todas direccións: do dereito, do revés, horizontal, vertical, nas marxes, en todos os espazos e ocos que atopo!  Normalmente esa terceira fase na que os textos xa se van puíndo é a que fago no ordenador”.

      Reprodúcense abaixo, unhas notas que se sitúan nunha primeira fase do proceso creativo e logo dous poemas manuscritos: “Palabras”  composición inédita que se incluirá nun poemario erótico moi avanzado que se titulará  Noite-día) e  “Toma de terra” (inspirado nunha foto do fotógrafo portugués Carlos Silva para colaborar no seu traballo Munditações).