Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso
Un chapeu negro e un nariz de pallaso
Editorial Galaxia, Vigo, 76 páxinas, 2013, 15 €
Pódese acceder xa a outra novidade que, como era de esperar, afonda no universo Vidal Bolaño, case a piques de estrear o mes de maio cando boa parte da atención cultural deberá centrarse no dramaturgo compostelán.
A editorial Galaxia, neste caso e a través desta achega titulada Un chapeu negro e un nariz de pallaso, propón realizar un percorrido polas claves vivenciais e literarias de Vidal Bolaño cun formato peculiar, ao meu ver extraordinariamente manexable e atractivo, que ademais inclúe un DVD que entendo como un óptimo recurso didáctico e informativo para avanzar no coñecemento do autor, tanto a nivel da súa traxectoria estritamente biográfica como no plano persoal, construíndo unha impecable homenaxe a través desas imaxes e voces recollidas e dispostas por Gonzalo Veloso, responsable de presentarnos unha galería de persoas que expresan, con substantividade, opinións que van revelando e configurando o que había baixo esa acertada imaxe que lle dá título ao proxecto: un chapeu negro e un nariz de pallaso.
Algunhas das claves que explican o que había e hai baixo eses dous elementos teatrais deposítanse no documental mais, por outro lado, tamén repousan na moi solvente e acaída achega ensaística que vén da man da profesora Montse Pena, sempre atenta a manexar un rexistro que conxuga didactismo e ludismo ofrecendo unhas páxinas expostas coa claridade e a rigorosidade que se agarda dun traballo deste tipo. Adóptase así pois, e con naturalidade, unha perspectiva que converte este percorrido nunha lectura amena, talvez polo intenso traballo de filiación literaria que, sen dúbida, o singulariza con fortuna e que permite achegarse, con fluidez e efectividade, aos principais socalcos tanto da práctica de dirección como dos traballos vinculados á produción que desenvolveu Vidal Bolaño.
Sen dúbida, tanto o traballo de Montse Pena, do que tamén saliento o acaído da súa estrutura, como o aquel que se incorpora no DVD, enténdoos unha invitación formulada para ler as pezas do dramaturgo, para facilitar a comprensión global dunha produción dramatúrxica fundamental para a historia do teatro galego e, por extensión, para a nosa propia cultura. Parabéns pola iniciativa e polo gran traballo acadado.
Velaquí un adianto dese documental incluído na publicación: