O señor Corpo quere xogar, de Alicia Borrás e O aprendiz de home do saco, de Antonio Reigosa

Alicia Borrás

O señor Corpo quere xogar (ilustracións de Rodrigo Chao)

Edicións Xerais, Vigo, 40 páxinas, 11 €

 

 

Antonio Reigosa

O aprendiz do home do saco (ilustracións de Marta Álvarez)

Xerais, Vigo, 40 páxinas, 11 €

 

 

Na serie “Merliño”, de Edicións Xerais, cadran no tempos dous álbums ilustrados que non resultan exentos de interese, antes ben, cada un deles na súa singularidade ofrecen elementos moi atractivos para quen comeza a dar os primeiros pasos na lectura.

       Alicia Borrás intérnase, con O señor Corpo quere xogar, nun universo creativo no que, sen dúbida, non é doado manexarse como é a reflexión, descuberta ou mesmo adquisición da conciencia de que existen diferentes partes do corpo, recorrendo ao emprego dun discurso poético, cheo de ritmo e conscientemente sinxelo e optimista que, ademais, entendo como operativo para percorrer, tamén visualmente pois as expresivas e imaxinativas ilustracións de Rodrigo Chao resultan un acerto, esa dimensión cognitiva que, nalgún momento, cómpre ir adquirindo e que vai enlazando con fortuna tarefas cotiás que cada un dos elementos escollidos -cabeza, boca, pé…- adoitan realizar.

     Por outro lado, Antonio Reigosa realiza, en O aprendiz de home de saco, unha celmosa, e ao meu ver orixinal, achega a este campo dos álbums ilustrados.  Poucas persoas como Reigosa traballaron con intensidade e bo facer o universo dos contos de tradición oral e, dalgún xeito, esta proposta benefíciase do seu quefacer ao facer xirar o argumento arredor da figura do “home do saco”, e faino humanizándoo pois este cae doente e o seu coñecido e temido labor ten que realizalo o seu fillo, remiso a facelo nun principio pero que vai aos poucos convencéndose das vantaxes de exercer como home do saco emulando un comportamento moi parello ao que se rastrexa no conto da leiteira tradicional. Un final sorprendente, moita ironía e retranca e unha actualización imaxinativa e contemporánea do conto tradicional son valores inequívocos que repousan neste libro tan atractivo, tamén, pola lectura fantástica que realiza en imaxes Marta Álvarez Miguéns.

     Parabéns por estas dúas entregas que se incorporan con mérito a ese conxunto de propostas para ler na infancia, e talvez non só.