Da presentación de Faneca Brava, de Manuel Portas á Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida

Chego á casa moi contento tras a presentación de Faneca Brava, a última novela de Manuel Portas, desenvolta no seo da Feira do Libro de Compostela. Malia as dificultades e molestias producidas polo boureo das festas da Ascensión foi un pracer acompañar a Fran Alonso e mais ao autor na presentación dun libro do que me ocuparei máis adiante con vagar pero que vexo con enormes posibilidades para se converter nunha das lecturas obrigadas para este vindeiro verán: unha novela que fala da vida, dotada dunha armazón moi meditada e con ingredientes ben acaídos para acadar ese horaciano “prodesse et delectare”, ese “ensinar deleitando” que Portas defende a ultranza (abaixo unha foto que nos realizou a nosa amiga Gracia Santórum).

 

 

          Ao tempo, descubro na rede que xa é unha realidade o volume-homenaxe titulado Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida: un proxecto longamente acariñado que me honrei de coordinar, integrado por unha manchea de voces entre as que se atopan persoas que xa desapareceron como Isaac Díaz Pardo ou Herminio Barreiro e outras como as de  X.L. Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero ou Carlos Oroza por só citar algún nomes. Tempo haberá para falar del.

               Un día magnífico, sen dúbida.