Vídeos da Gala das Letras, premios AELG 2013

Un tanto desbordado pola xenerosidade de tantas persoas que, coñecidas ou non, me demostraron nas redes sociais  e por diversos medios a súa ledicia polos galardóns que tiven a sorte de recoller, deixo aquí este breve apuntamento para volver agradecer, de corazón, todas estas expresións de agarimo.

       Souben tamén hai pouco da existencia dunhas gravacións que realizou Tati Mancebo ao longo da Gala das Letras. Como certas amigas e amigos me solicitaron os textos dos discursos deixo aquí a ligazón desde a que se pode acceder ás actuacións, vídeos que se emitiron e diversos momentos do acto. Grazas, Tati, polo teu traballo e polo favor impagable do saquiño emprestado.

1 Comment

  1. Agora que vexo os vídeos de Tati é aínda maior a mágora por non ter asistido o sábado á gala e partillar momentos tan intensos con xente tan boa. Grazas a Ana Romani, por darlle voz as miñas palabras e a Francisco Castro, por ter que improvisar, xa que realmente non agardaba ser eu, coa miña Morgana en Esmelle a afortunada.
    Ben sei que contar con aliados tan poderosos e sabias como Merlín, Morgana , ou Víviana, fai que a maxia xogue ao meu favor, pero tan ben sei que calquera ds obras finalistas, e mesmo moitas que non chegaron a selo merecerían igualmente un premio que, coa honra de ser escolleito pol@s colegas , trae consigo a responsabilidade de anovar os votos de compromiso coa nosa lingua.
    Unha aperta a Ramón Nicolas, a quen, amais de felicitar polos seus dous ben merecidos premios, teño que agradecer o espazo que me brinda no seu blog. Apertas tamén a Tati Mancebo, polo traballo calado tras dunha cámara eque hoxe me permite vivir a gala como se alí estiver. A miña gratitude a AELG por, mesmo en tempos tan difíciles, ser quen de manter uns premios que teñen por obxecto fomentar o uso e o disfrute da nosa lingua. Grazas tamén a todos os escriotres e todas as escritoras que elexiron a Morgana para honrala dun xeito que me abruma e conmove e, coma non, grazas a todas e todos os seguidores deste blog a todos quen ledes en galego dende unha historia gráfica a un ensaio, dende un xornal ata unha novela, dende un poema ata un blog. sen vos nada tería sentido.Sen vos, ainda que houber mil premios, a lingua estaría morta.
    benzóns.
    Begoña Caamaño

Os comentarios están pechados.