Son devoto, e apaixonado, lector de Begoña Caamaño e para min resulta unha enorme alegría que a súa Morgana en Esmelle estea colleitando esta enxurrada de recoñecementos, sen dúbida todos eles ben merecidos. Onte deixou, tan discretamente coma é ela, un fermoso comentario nun apuntamento do meu blog ao fío da existencia duns vídeos subidos á rede por Tati Mancebo. Teño para min que as súas palabras ben merecen ser rescatadas dese espazo e difundilas desde aquí. Grazas, Begoña!
Agora que vexo os vídeos de Tati é aínda maior a mágoa por non ter asistido o sábado á gala e partillar momentos tan intensos con xente tan boa. Grazas a Ana Romani, por darlle voz as miñas palabras e a Francisco Castro, por ter que improvisar, xa que realmente non agardaba ser eu, coa miña Morgana en Esmelle a afortunada.
Ben sei que contar con aliados tan poderosos e sabias como Merlín, Morgana ou Víviana, fai que a maxia xogue ao meu favor, pero tan ben sei que calquera das obras finalistas, e mesmo moitas que non chegaron a selo merecerían igualmente un premio que, coa honra de ser escolleito pol@s colegas, trae consigo a responsabilidade de anovar os votos de compromiso coa nosa lingua.
Unha aperta a Ramón Nicolás, a quen, amais de felicitar polos seus dous ben merecidos premios, teño que agradecer o espazo que me brinda no seu blog. Apertas tamén a Tati Mancebo, polo traballo calado tras dunha cámara e que hoxe me permite vivir a gala como se alí estiver. A miña gratitude a AELG por, mesmo en tempos tan difíciles, ser quen de manter uns premios que teñen por obxecto fomentar o uso e o disfrute da nosa lingua. Grazas tamén a todos os escritores e todas as escritoras que elexiron a Morgana para honrala dun xeito que me abruma e conmove e, coma non, grazas a todas e todos os seguidores deste blog a todos quen ledes en galego dende unha historia gráfica a un ensaio, dende un xornal ata unha novela, dende un poema ata un blog. Sen vós nada tería sentido. Sen vós, aínda que houber mil premios, a lingua estaría morta. Benzóns.
Begoña Caamaño
Os meus parabéns a ambos. Desde logo, dúas mostras excelentes do potecial liteario de Galicia.
Graciñas, Carlos.